Feed

Libro recomendado

Posted on Novembro 3rd, 2009 in Meu idioma by cuartos

Porque se lle dedicou o día das Letras este ano.

Porque hai un descoñecemento enorme de como da “nada” da posguerra xurdiu todo o que é a cultura galega hoxe.

Porque quero, gosto e dame a gana de recomendar este tocho de libro (400 páxinas) que se le moi ben:

Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, de Xesús Alonso Montero (Ed. Galaxia)

Oportunidade perdida

Posted on Outubro 21st, 2009 in Antisistema by cuartos

A OPORTUNIDADE PERDIDA DA “ESQUERDA TRANSFORMADORA”

Despois desta crise que chegou, convive con nós, parece que tocou fondo e comeza a marchar, que autocrítica ten que facer a chamada “esquerda transformadora”?

A esquerda transformadora sempre falou dunha crise sistémica, non só económica. Así falaban de crise enerxética, crise financeira, crise ecolóxica, crise social… Tamén dicían que a crise era unha oportunidade para que a súa mensaxe antisistema chegase á maioría da sociedade e a clase obreira comezase a transformación deste sistema capitalista caduco nunha orde social máis xusta.

Mais, a miña experiencia persoal dime que no pobo so callou a idea de crise económica e que non se logrou que “as outras crises” penetrasen no subconsciente da cidadanía. A esquerda transformadora debe afinar logo os seus mecanismos para influír na opinión pública se quere que algún día sexa o solpor desta orde social inxusta que escraviza física e psicoloxicamente á inmensa maioría da poboación mundial.

José Rey-González, poeta pontevedrés da preguerra

Posted on Agosto 13th, 2009 in Grandes debulladores by cuartos

Dúas pesetas

Catro versiños, esquirtos

por un poeta gallego,

podedes ler… si soltades

dúas pesetas do peto.

¿Tesmés, cicáis, que os versiños

sexan floxos?… ¡Non por certo!

¡Xuro n’hai bardo que os faga

coma iles no mundo enteiro!

Xa que non hai quen os gabe,

heinos de louar eu mesmo:

os versos son non plus ultra,

pro sin cartiños… ¡n’hai versos!…

Así rezaba a contraportada do libro que vos vou presentar. “Frangullas” o primeiro dos catro tomos dunha serie chamada “Rimas da Terra” (os outros son “Lira Gallega y Frores Murchas”, “Fume que foxe y A Musa da Terra” e “Latexos”). Este libro chegou a min no Nadal do ano 2007, un agasallo do bo amigo Julio Vigil. Obra do poeta pontevedrés José Rey-González, este libro chamoume moito a atención. En primeiro lugar por ser esta un volume orixinal (é a terceira edición, que está data do 1928) e por ser dun poeta do que nunca oíra falar. Así compráceme saber que me acho ante unha obra quizais descoñecida e da que nin sequera sei se chegou aos nosos días, se quedan moitos volumes dela ou se o nome do seu autor non quedou perdido na encrucillada da Historia. Os poemas lembran o estilo de Cantares gallegos polo seu corte popular aínda que son bastante diferentes no que á ortografía se refire. E esta unha obra na que se poden apreciar claramente as características principais dese galego de preguerra falto dunha norma ortográfica: popularismos, dialectalismos, castelanismos, arcaísmos, complicado uso de guións, apóstrofos, diéreses… En canto aos temas predominan os poemas no que se fala do sentido da vida, do paso do tempos, da morte, pasando por outros de carácter amoroso ou popular. Aí vos vai unha escolma de dita obra, “Frangullas” de José Rey-González.

POLVO E FUME

Todo é polvo, todo é fume,

polvo e fume evos a vida:

ven o vento, sopra un pouco

e… ¡fuxe todo en siguida!

COPRAS

N’hai língoa com’a gallega:

¡ela é tan tenra, tando doce,

que paresce língoa d’ánxeles,

mais ben que fala dos homes!

Non quixera que os meus ollos

visen mais chau que Galicia,

nin ouísen meus ouídos

outra língoa que ista língoa.

[…]

¡SOYA!

¡Dios mío, que solos

se quedan los muertos!

Gustavo A. Bécquer

Sacaron da cás

a Pepiña a Pomba;

levárona ô adro;

pousárona â porta

da Igrexa; cantáronlle

dimpois catro cousas,

e d’auga bendita

bañárona toda!

Logo colocárona

na xa aberta foxa,

botáronlle terra,,

curbíronlle a lousa,

y-à casa volvéndose…

¡deixárona soya!!

AMOR

A estrela que no ceo

reloce e parpadexa

nas cobizadas noites

de fúlxido lüar;

a estrela que no ceo aluma pracenteira,

¿por quén d’ amores s’ encende?

¿por quén sospirará?…

O átimo invisibre

que pol-o espazo xira

bicado por brisiñas

de brando aletexar;

o átimo lixeiro

que pol-os aires vaga,

¿por quén d’ amores palpexa?

¿por quén sospirará?…

O páxaro que tece

na escura selva o niño,

y-o páxaro que voa

piando sin calar;

o páxaro que tece

na escura selva o niño,

y-o que voando pía,

¿por quén sospirarán?…

A nuble que no ceo

revólvese fureosa

ferida pol-o empuxe

do louco vendaval;

a nuble que mil bágoas

esparxe nas rosiñas,

¿por quén d’ amores chora?

¿por quén sospirará?…

A onda que se rompe

na s pedras altaneira,

y-a ola que as areas

da praya ven bicar;

a foribunda onda

y-a ola gasalleira,

¿por quén d’ amore solouzan?

¿por quén sospirarán?…

A fror que o seo virxe

ao sol nacente ofrece,

a fror qu’ o doce cefro

bicando ledo vai,

a fror a quen coroa

de pelras o recío,

¿por quén d’ amores morre?

¿por quén sospirará?…

O bardo que se doe

das coitas d’ iste mundo

y-a soilas co’os seus sonos

s’encerra a meditar,

o bardo dilicado

de curazón anxéleco,

¿a quén d’ amores canta?

¿por quén sospirará?…

QUIXERA…

Quixera ser anduriña

para voar a onde ti estás,

e dicirche que che quero,

e pousarme na tua mau,

e fabrical-o meu niño

preto do niniño teu,

e poñél-o bico tenro

n’ises teus beizos de mel,

e morrer cando ti morras,

nena do meu curazón,

e que na mesma coviña

nos enterrasen aos dous!

Polo Software libre

Posted on Xullo 15th, 2009 in O outro saco by cuartos

Como estudante de Teleco que son e coa absoluta  convinciónn da importancia do Software Libre e de Mancomún, posteo hoxe con esta información que me chegou:

Todos os gobernos fan unhas cousas mellor e outras peor. O bipartito tivo os seus fallos mais unha das cousas boas que fixeron foi a de lanzar o centro de software libre Mancomún. Durante os últimos anos Mancomún mantivo actualizados en galego os programas informáticos máis usados como o navegador (Firefox) ou a ofirmática (OpenOffice). O Galinux, un sistema operativo para poder ter a computadora completamente en galego tamén foi unha iniciativa de Mancomún.

Durante a campaña eleitoral o Partido Popular prometeu implantar o software libre, pero agora que están na Xunta ameazan con desmantelar Mancomún, e nós queremos evitalo. Se tí tamén queres que Mancomún continúe funcionando, axúdanos sumándote a esta campaña: clica nesta ligazón para enviarlles agora un correo electrónico.

 

Para impedir o peche de mancomún, colabora facendo ruido: espalla esta nova.


CiberIrmandade da Fala. http://www.ciberirmandade.org

Necesidade urxente de “Queremos galego”

Posted on Xullo 9th, 2009 in O outro saco by cuartos

Agora máis ca nunca fai falla unha ampla plataforma cidadá para demostrarlle ao goberno do Partido Popular que o pobo quere galego, que nós queremos galego. Se nesa plataforma só van estar os de sempre, A Mesa, BNG, CIG e demais organizacións nacionalistas entón é mellor estar quietiños. Que A Mesa faga convocatorias, os de sempre apoiarémolas. Os de sempre seguiremos loitando polos nosos dereitos lingüísticos. O goberno, coma sempre, non lle fará caso ningún a calquera tipo de presión social, dirá as palabras máxicas “respectamos o dereito da cidadanía e expresar a súa opinión” e seguirá cos seus plans lingüicidas.
É preciso convocar para constituír esa plataforma a todos os partidos políticos: convidar ao sector máis “galeguista?” do PP, ao PSdG-PSOE, a Terra Galega, a Esquerda Unida, así como aqueles partidos que se presentaron ás eleccións galegas e que puidesen estar interesados. Convidar a toda caste de asociacións (veciñais, xuvenís, culturais…), colexios oficiais, organizacións empresariais, ecoloxistas, feministas, institucións… Unha cousa teño clara, se o PSdG non apoia dalgún xeito esa plataforma, se outra central sindical aparte da CIG (CCOO ou UXT) non a apoian quedaría moi coxa. Coxa no sentido de que non está involucrada a maioría da poboación galega.
O momento no que estamos require unión. E para que haxa unha grande unión fai falta uns acordos mínimos, que os hai, fai falta moita comprensión, que cedamos todos moito e que non enroquemos nas ideas propias. Fai falla que A Mesa saiba poñerse nun segundo plano para que o pobo galego se poña diante. Se non conseguimos crear un espazo no que toda persoa que sinta simpatía polo galego, independentemente das súas ideas ou de que o fale ou non, se sinta cómoda, daquela non estaremos impedindo que os verdugos asinen a pena de morte da nosa lingua, porque escrita xa está. Se non conseguimos que na cachola de todos os galegos prenda a chispa da indignación coas medidas involucionistas do PP, a chispa da autoestima e do amor á nosa lingua, entón é que o pobo galego xa está na etapa de morte cerebral e non nos demos conta.
A historia estase escribindo, estamos nunha encrucillada, a responsabilidade é nosa, non hai volta atrás, o futuro do noso idioma, da nosa terra, da nosa nación depende do que fagamos agora. O tempo corre en contra nosa.

Poema pola loita conxunta

Posted on Xuño 18th, 2009 in Antisistema,Do meu anllar,Hoxe by cuartos

poema-loita-conxunta

Cando vexo milleiros,

milleiros de tractores e labregos,

invadindo as rúas nas tractoradas,

unha rabia infinita sáeme de dentro.

Cando esperto,

e na Voz aparecen manipulacións lingüísticas

completadas con entrevista a Gloria Lago

—diálologo de vesugos—,

a carraxe, durmida, sen podelo evitar esperta.

Cando saio á rúa,

e vexo loitas encarnizadas dos compañeiros do metal,

loitando cos antidisturbios casteláns,

vólvome de aceiro, eu tamén son do metal.

Cando os meus oídos oen dunha señora:

“tiñades que facer coma os vascos,

coller os empresarios e metelos baixo terra,

eses son todos uns ladróns”,

alédome, a conciencia de clase esperta.

Cando milleiros de estudantes

protestan contra Boloña,

—centos en Galiza—,

o maio do 68 parece que volta.

Labregos,

galegos amantes da vosa lingua,

estudantes,

traballadores do metal,

non será hora de erguer as voces xuntos?

Explotación, aldraxes e miseria, Nunca Máis!

Tractorada virtual en apoio aos labregas

Posted on Xuño 16th, 2009 in Hoxe by cuartos

tractor1

EDREDÓN (Tirado de Cabaret Voltaire )

Aa mortes lentas mancan menos. Vai dando tempo a afacerse e desembocan nun pasamento tan suave como cando nos cubrimos os ombros co edredón para durmir. Todo isto vai pasando co sector lácteo: vai esmorecendo e calquera día saltará coma cando estoupa a resistencia dunha bombilla. Despois virá o silencio. Non será algo tan ecoloxicamente ostentoso como as estensas manchas negras que nos enzoufaron as costas, que taparon rochas, coídos e praias da noite para a mañá. De cando Mangouras (el cumpriu as obrigas que aprendemos en Conrad: salvar tripulación e barco), lembro os berros, as protestas, as bandeiras, os libros, os documentais…. e logo o silencio que auguraba Hamlet. Non leo escritor nin miro actor nin sinto músico algún argallando a Marea Branca para protestar contra a previsible inanición do noso campo. O seu silencio lémbranme a cando Heidegger rexeitou unha cátedra filosófica en Berlín para ficar nos lameiros verdes de Friburgo, que el miraba «cos ollos do hóspede ou do veraneante». Cando menos o pensador vivía entre os labregos, pero o agro segue sen noticias dos creadores galegos. Deben de ser como o reloxo que funcionaba por veces si e por veces non. «Ten días», dicía o propietario. Estes teñen causas.

(artigo en El Progreso).

Galiza: espertando do soño

Posted on Xuño 13th, 2009 in Do meu anllar,GALIZA: Nación by cuartos

noite-de-luar

E cando espertei do soño ela xa non estaba. Desaparecera para sempre, para non volver nunca máis. Todo o que vivira con ela, todo que desfrutara nela era iso, un soño. Levaba toda a miña vida vivindo nun soño! E agora xa non sei se quero espertar e poñer os pés na terra ou volver para cama, adormecer coa “Cantiga de berce” de Fuxan os ventos e intentar volver ao soño, para estar outra vez alí, para estar outra vez con ela: Galiza.

Espertei e vin a toda a xente falando castelán. Vin nais e pais que poñían en enquisas que preferían o inglés antes que o galego para os seus fillos. Vin xente desprezando a súa cultura. Vin gobernantes que teiman destruír as poucas sinais de identidade que nos quedan. Vin, vin que realmente estaba vivindo en Galicia, unha rexión máis España, un lugar do montón, coma outro calquera. E daquela derrubeime e comecei a chorar. Chorar como non fixera antes, porque espertara e sabía ben que o soño era iso, un soño, e nunca máis estaría alí, en Galiza.

Sabía que nunca máis estaría con ela, nin que desfrutaría máis da súa lingua, dos seus beizos, dos seus peitos, dela. Sabía que endexamais me riría cos seus contos retranqueiros, nin me faría cóxegas na orella. Sabía que non me espertaría máis polas mañás coas alboradas dos paxaros, sabía que non oiría máis o cuco saír do cubil entre marzo e abril. Sabía, sabía que todo pasara, e que non volvería máis. Realmente non pasara, estaba todo na miña cabeza. Pero era tan real… e aquí sigo, chorando sen saber que facer. Soñar ou non soñar, velaí a cuestión!

A chama prende

Posted on Xuño 11th, 2009 in Meu idioma by cuartos

Dende hai uns meses está prendendo unha chama no pobo galego. Cando os gobernantes e representantes na “rexión” galega do españolismo están facendo o posíbel e imposíbel para arrancarnos o cerne da nosa existencia, a lingua comezan a saltar muxicas.

Manifestación histórica en Compostela, manifestos dende todos os lugares: A Mesa, Sindicatos de todas as cores, organizacións de profesores, de estudantes, de directores de institutos. Na universidade, científicos galegos do CERN en Xenebra, Colexio Oficial de Psicologos, na rede…. O PSdG-PSOE parece que tamen se está poñendo as pilas co tema…

Que estas lapas se unan nunha gran fogueira é cousa nosa. Que a chama prenda para que ardan no lume do inferno, se é que existe, os que nos queren roubar a nosa lingua, os que queren destruír o pobo galego, os que nos queren deixar sen memoria. Por que se matar unha persoa é pecado, matar un pobo…

Da xuntanza vén a forza, e da forza,, o trunfo. ADIANTE!

Aquí van ligazóns a

Manifesto dos científicos galegos do CERN

Manifesto pola convivencia lingüística

Manifesto do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia sobre a lingua

Carta aos pais da Coordenadora de Equipos de Normalización Lingüística

Posicionamente de Galiza Nova sobre a “enquisa” no ensino

Asina contra a censura e marxinacion da música galega

Carta do profesorado de Filoloxía a Feijoo

Tríptico as linguas suman

O necesario pacto social sobre o galego

Posted on Xuño 10th, 2009 in Meu idioma by cuartos

Parece mentira que a estas alturas da película a consulta que se faga aos pais sexa coa idea de   a ver cantos hai que rexeitan o galego coma nós para ter unha escusa á hora de redactar un novo decreto que castelanice aínda máis o ensino”.

Agora o preciso é un pacto social, un compromiso de toda a sociedade galega, toda. Un pacto social ao estilo do contrato social rousseouniano. Un pacto no que nós galegas e galegos decidamos o futuro da nosa lingua.

No estado de natureza os galegos non eran felices pois diariamente debatían entre usar a lingua propia da súa terra, o galego, ou o castelán. No estado de natureza había continuas liortas entre os partidarios de vivir en galego e os que pensaban que esta lingua era inútil. A situación empeorou coa chegada á escena de plataformas coma Galicia Bilingüe e co avanzo dun discurso no estado español contrario ás linguas e culturas minoritarias (UPyD). Para empeorar aínda máis as cousas o partido máis votado nesta terra, o Partido Popular, asumiu coma propias estas ideas e dende o goberno da Xunta dedicouse a facer políticas contrarias á normalización do galego. Tal e como estaban as cousas no estado de natureza o galego deixaría de ser lingua maioritaria na seguinte xeración e nuns cen anos case non quedarían falantes.

Tal era a situación que vivía a nosa terra e padecía a nosa xente no estado de natureza. Ante isto os habitantes desta terra deciden xuntarse en asemblea e construír este pacto, o contrato social sobre a lingua, o pacto lingüístico, que guiaría o proceso de regaleguización da sociedade.

“24 de outubro. Estes días estou intentando falar máis galego na casa. Meu pai dime que falo máis galego ultimamente e iso faime sentir ben comigo mesma porque é coma un premio persoal.” (Patricia Fernández) Así comeza un capítulo de Ben faldo!

Mentres ese pacto social maioritario e tan preciso non se materializa, a que agardas? Asina o “manifesto” individualmente. Galeguízate ti para galeguizar a sociedade. Fai como relataba esa moza no Diario Lingüístico. Comeza a falar galego para non deixar de falar nunca esa fermosa lingua. O pacto comeza en ti, en min, en nós, vai sendo hora de asinalo.

Para saber máis sobre o Diario Lingüístico, iniciativa normalizadora no IES Rodeira, faga click na seguinte ligazón

http://www.crtvg.es/reproductor/inicio.asp?canal=tele&hora=10/06/2009%2015:32:56&fecha=05/06/2009&arquivo=1&programa=BEN%20FALADO!&id_programa=456

Ou vaia a Crtvg>á carta>TVG á carta e busque o programa Ben falado. Mire o capítulo 228 (día 5 de xuño de 2009).

Grupo en Googlegroups, busque Vaidelinguas ou faga click en: http://groups.google.es/group/vaidelinguas?lnk=srg&hl=gl

Yeats

Posted on Xuño 5th, 2009 in O outro saco by cuartos

“A educación non é encher o recipiente,

senón acender o lume”

YEATS

Conflito de clase?

Posted on Xuño 3rd, 2009 in Antisistema,Hoxe by cuartos

HAI CONFLITO DE CLASE OU NON?

antidisturbios

Hai alguén que aínda dubide da existencia da loita de clase, do conflito de clase?

Pois eses incrédulos que se paseen un día coma hoxe por Vigo, un día no que estean de folga os do Metal. Que se paseen pola cidade e vexan a loita campal entre os traballadores e os representantes do empresariado-Estado, os antidisturbios. Que dean unha volta e daquela verán e crerán, coma San Tomé, que non creeu na resurreción ata que meteu as mans no costado de Cristo.

Isto igual, incrédulos: ver para crer. Os que xa tiñamos “fe”, ver para reafirmarnos aínda máis.

manifa-metal

Boletín novas do metal nº4 xuño 2009

Elitismo no BNG

Posted on Maio 26th, 2009 in BNG,Política by cuartos

Vimos oíndo, principalmente de boca da UPG e do quintanismo, que esta asemblea foi histórica e que se caracterizou pola alta participación da militancia. Máis de 5.000 militantes, din, estiveron nas asembleas comarcais.
Os que estamos no BNG non estamos aí por cartos, nin por prestixio persoal, nin por intereses económicos. Estamos no BNG porque queremos participar na vida social e cremos que o BNG é o mellor instrumento co que exercer a participación política.
Agora ben, a que lle chaman eles participación? A venderse a unha lista de delegados e votar nunha asemblea comarcal? A facer unha presentación-rexeitamento automático de emendas nas asembleas comarcais e na nacional? A votar unha candidatura ao consello nacional e outra á executiva? Polas súas palabras, e tamén polos seus feitos, parece que a participación é SO votar.
Pois logo para que militamos no BNG? Votémolo en cada proceso electoral e xa está, xa “participamos”, parécelles ben? Obviamente a participación ten esta compoñente, a de votar nunhas eleccións. Pero os que a reducen a isto teñen un nome: ELITISTAS. Seguindo a súa lóxica a democracia quedaría reducida a “un mecanismo para elixir e autorizar gobernos, non para promover e desenvolver a dimensión social dos individuos”.
Elitistas, tende clara unha cousa: como isto siga así máis tempo, como sigades convertendo o Bloque nun instrumento de participación social ineficaz, pode que dentro duns anos quededes vós sos. Outras organizacións poden vivir no elitismo porque teñen un poder económico que as respalde. Agora ben, o BNG so ten a forza de traballo dos militantes, como esta desapareza, en que quedará o Bloque?

A Resistencia do Finis Terrae: 17 de maio

Posted on Maio 21st, 2009 in GALIZA: Nación,Meu idioma by cuartos

COMPOSTELA, MANIFESTACIÓN 17 DE MAIO DE 2009

Digo unha cousa: Galiza non morrerá, o pobo galego non morrerá. Pois Galiza e o pobo galego son a expresión actual da Resistencia do Finis Terrae, e esta é eterna. A Resistencia do Finis Terrae é un fénix, paxaro de lume que nace, medra, morre ardendo e queda convertido en cinsas. Mais, desa cinsa volve a nacer o paxaro ancestral, o fénix nunca morre.

E que somos nós? Que é Galiza e o pobo galego? Pois somos ese fénix, somos a Resistencia do Finis Terrae desta época. Pode que desapareza Galiza e os habitantes deste anaco de terra xa non se expresen nesta lingua milenaria. Pero tranquilos, axiña se erguerán outras voces críticas que aman ese anaco de terra no que viven, o Finis Terrae. Axiña se ereguerán voces que piden xustiza social e loitan contra a opresión. Axiña ha renacer o fénix, a Resistencia. Cambian os tempos, mudan os nomes, as persoas morren. Aínda así algo fica estático. No sentir da xente vai a semente, no sentir das xeracións vai a cinsa do fénix. E tede por seguro que as cinsas prenderán e coa luz e calor dese lume a xente converterase en pobo, as cinsas, en fénix e este resucitará, resucitará a Resistencia do Finis Terrae.

Vexamos logo como se presentou a Resistencia dende que o pasado que coñecemos.

***Galicia prerromana: os castrexos non se renden, Monte Medulio.

***Gallaecia e o primeiro reino de Europa: Suevia.

***Reino de Galicia. Revoltas irmandiñas, intentos de nobreza galega de non perderen peso político.

***Galicia-Galiza contemporánea: provincialismo, rexionalismo nacionalismo. O Rexurdimento das nosas letras, pronunciamentos liberais de corte provincialista e rexionalista (os mártires de Carral). Comezos do século XX: nacionalismo, Estatuto de Autonomía. Anos sesenta: a nación galega non esmoreceu, o nacionalismo volta á rúa. Democracia e autonomía ata 2001: o nacionalismo sobe e sobe no pazo do Hórreo. 2002: Nunca máis…

Compostela, domingo 17 de maio de 2009, caen chuzos de punta, autoestradas colapsadas: o fogar de Breogán esperta. Manifestación histórica: na praza da Quintana non collía unha agulla e aínda había xente saíndo da Alameda (de alí saía a manifestación) que aínda tiña que ir cara o centro (preto do parlamento) e subir pola rúa do Vilar cara a Quintana. A praza encheuse dúas veces para ler o manifesto.

O fénix estábase apagando, o pobo galego estaba morrendo, a expresión actual da Resistencia do Finis Terrae estaba desaparecendo. Pero o 17 de maio de 2009 en Compostela prodúcese un feito histórico. Compostela outra vez máis demostrou a súa capitalidade. E hoxe o pobo galego vólvese a unir para demostrarlle a aqueles que o queren matar silenciosamente que AQUÍ ESTAMOS e AQUÍ ESTAREMOS: Sempre en Galiza, sempre en galego.

E se algún día todo isto desaparece (cousa que non vai ocorrer) algo novo virá, algo precioso coma isto. Outro pobo e outra xente expresándose noutra lingua (quizais inexistente polo de agora), a futura expresión da Resistencia do Finis Terrae.

Galiza existe, o fénix vive, o galego fálase. Non deixar que se apague o lume, a loitar pobo!

NOTA: sei que de aquí poden saír interpretacións moi reviradas, o concepto ese ficticio da Resistencia ten que ser revisado. Isto é unha fábula, non o vaia tomar o persoal ao pé da letra.






17 de maio: que pasa co galego?

Posted on Maio 15th, 2009 in Hoxe,Meu idioma by cuartos

O galego que non fala
Na lingua da súa terra
Non sabe o que ten de seu
Nin é merecente dela.

(“Da Vella Roseira”, Victoriano Taibo)

Mañá 17 de maio celebraremos o Día das Letras Galegas manifestándonos en Compotela en defensa do noso idioma. Poque o galego é a nosa columna vertebral, o idioma que nos une. Vén canda nós, para expresarmos todas e todos xuntos que queremos vivir en galego.

Que está ocorrendo co galego, cos galegos, con Galiza? Pois o seguinte:

-Os grandes poderes económicos estatais españolistas e fundacións coma FAES apoiados por partidos coma PP e UPyD: “vamos acabar cos nacionalismos perifericos da península”. “Cal é destes o pobo máis débil?” “O Galego” “Pois imos acabar coa súa pouca identidade para que non exista alí nacionalismo, para que deixen de reclamar nada e deixen de seren galegas e galegos” “Cal é o elemento que lles dá máis cohesión” “O idioma” “Pois vamos facer que se asocien cousas negativas ao seu idioma, ou era dialecto?, e que deixen de quererlle. Vamos facer que crean que o galego se impón, que non lles serve para nada. Vamos lle meter aínda máis castelán”

E o resto xa o sabedes: Galicia Bilingüe, cambio de rumbo do PPdG e … os galegos que nos damos conta disto alí estaremos, o 17 EN COMPOSTELA, porque somos galegos, porque falamos galego.

E aquí estou eu apoiando a iniciativa de Blogues pola Lingua.

http://bloguespolalingua.blogaliza.org/2009/05/13/accion-conxunta-de-blogues-pola-lingua-na-vespera-do-dia-das-letras/

Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego