Feed

Cuartos, o por que.

Posted on Maio 24th, 2010 in Do meu anllar,O outro saco by cuartos

CUARTOS, O POR QUE

Todos vimos dalgún sitio e dirixímonos a un algures descoñecido mentres soñamos con chegar a un lugar utópico. Para poder ir ben encamiñados necesitamos saber de onde vimos, e… de onde veño eu? De quen veño sendo?
Eu son Anxo de Cuartos, Cuartos é o alcume de meu bisavó, de meu avó e a nosa coñécese pola casa de Cuartos. Preguntarésvos, con razón, de onde vén o alcume. Pois vén de que antes facían o lume no cuarto (no primeiro piso) e así lle quedou de por vida.
Con este pequeno post pretendo recuperar e honrar o meu pasado e o meu presente, xa que non teño moi claro nada que teña que ver co futuro.

Escolma Novoneyra I

Posted on Maio 20th, 2010 in O outro saco by cuartos

DO COUREL A COMPOSTELA

Os que así nos tein só tein noso os nomes no censo.
/
GALICIA, será a miña xeneración quen te salve?
Irei un día do Courel a Compostela por terras libradas?

Non, a forza do noso amor non poder ser intutle!

O I Concurso de Trabalingua xa ten gañadores

Posted on Maio 7th, 2010 in O outro saco by cuartos

Tras unha intensa reunión do xurado, por fin se escolleron os textos máis merecentes dos premios do noso concurso.

Poderás saber cales son acudindo á entrega de premios que se celebrará o vindeiro día 18 de maio ás 17:00 na Aula 2 do edificio Miralles. Ademais disto, faráse lectura dos textos premiados, recitado de poemas de Uxio Novoneyra e haberá agasallos para participantes e asistentes!!

Mais non remata aí a actividade. Despois da entrega de premios, convidámoste a asistires a un concerto, a cargo do Leo i Arremecághona, que terá lugar na cafetaría Leonardo da Vinci.

Nova Xeira

Posted on Abril 5th, 2010 in O outro saco by cuartos

Nova xeira
Despois dunha temporada sen actualizar, Cuartos volve con ganas de darlle vida ao blogue.
Cuartos: a orixe
De onde vén o nome? Pois dunha homenaxe aos meus ancestros, así é como lle chaman á miña casa en Bama. Eu son o rapaz de Cuartos.
Cousas dun gaiteiro?
Si, aínda que non o pareza son gaiteiro das dúas gaitas. A partir de agora haberá máis de folclore no blogue

Resumindo, que os contidos de aquí en diante serán máis intimistas e folclóricos.

Guerra

Posted on Xaneiro 12th, 2010 in O outro saco by cuartos

GUERRA

E entonces foi a guerra…

Pais contra fillos
e fillos contra pais.
Veciños contra veciños
e irmáns contra irmáns.

Pobo, que foi do pobo?
O pobo deixou de ser
patria, que é da patria?
a patria acaba de morrer.

A xente, onde vai a xente?
Algunha seguirá en pé
Os nosos, como están?
Os nosos n’os volves ver.

A terra era un mar de sangue
e o sangue non era azul,
Amarelo, amarelo o medio
vermello o norte e o sur.

Gañadores desta guerra?
Gañar ninguén gañou.
Perderon todos logo?

… e a guerra rematou.

Polo Software libre

Posted on Xullo 15th, 2009 in O outro saco by cuartos

Como estudante de Teleco que son e coa absoluta  convinciónn da importancia do Software Libre e de Mancomún, posteo hoxe con esta información que me chegou:

Todos os gobernos fan unhas cousas mellor e outras peor. O bipartito tivo os seus fallos mais unha das cousas boas que fixeron foi a de lanzar o centro de software libre Mancomún. Durante os últimos anos Mancomún mantivo actualizados en galego os programas informáticos máis usados como o navegador (Firefox) ou a ofirmática (OpenOffice). O Galinux, un sistema operativo para poder ter a computadora completamente en galego tamén foi unha iniciativa de Mancomún.

Durante a campaña eleitoral o Partido Popular prometeu implantar o software libre, pero agora que están na Xunta ameazan con desmantelar Mancomún, e nós queremos evitalo. Se tí tamén queres que Mancomún continúe funcionando, axúdanos sumándote a esta campaña: clica nesta ligazón para enviarlles agora un correo electrónico.

 

Para impedir o peche de mancomún, colabora facendo ruido: espalla esta nova.


CiberIrmandade da Fala. http://www.ciberirmandade.org

Necesidade urxente de “Queremos galego”

Posted on Xullo 9th, 2009 in O outro saco by cuartos

Agora máis ca nunca fai falla unha ampla plataforma cidadá para demostrarlle ao goberno do Partido Popular que o pobo quere galego, que nós queremos galego. Se nesa plataforma só van estar os de sempre, A Mesa, BNG, CIG e demais organizacións nacionalistas entón é mellor estar quietiños. Que A Mesa faga convocatorias, os de sempre apoiarémolas. Os de sempre seguiremos loitando polos nosos dereitos lingüísticos. O goberno, coma sempre, non lle fará caso ningún a calquera tipo de presión social, dirá as palabras máxicas “respectamos o dereito da cidadanía e expresar a súa opinión” e seguirá cos seus plans lingüicidas.
É preciso convocar para constituír esa plataforma a todos os partidos políticos: convidar ao sector máis “galeguista?” do PP, ao PSdG-PSOE, a Terra Galega, a Esquerda Unida, así como aqueles partidos que se presentaron ás eleccións galegas e que puidesen estar interesados. Convidar a toda caste de asociacións (veciñais, xuvenís, culturais…), colexios oficiais, organizacións empresariais, ecoloxistas, feministas, institucións… Unha cousa teño clara, se o PSdG non apoia dalgún xeito esa plataforma, se outra central sindical aparte da CIG (CCOO ou UXT) non a apoian quedaría moi coxa. Coxa no sentido de que non está involucrada a maioría da poboación galega.
O momento no que estamos require unión. E para que haxa unha grande unión fai falta uns acordos mínimos, que os hai, fai falta moita comprensión, que cedamos todos moito e que non enroquemos nas ideas propias. Fai falla que A Mesa saiba poñerse nun segundo plano para que o pobo galego se poña diante. Se non conseguimos crear un espazo no que toda persoa que sinta simpatía polo galego, independentemente das súas ideas ou de que o fale ou non, se sinta cómoda, daquela non estaremos impedindo que os verdugos asinen a pena de morte da nosa lingua, porque escrita xa está. Se non conseguimos que na cachola de todos os galegos prenda a chispa da indignación coas medidas involucionistas do PP, a chispa da autoestima e do amor á nosa lingua, entón é que o pobo galego xa está na etapa de morte cerebral e non nos demos conta.
A historia estase escribindo, estamos nunha encrucillada, a responsabilidade é nosa, non hai volta atrás, o futuro do noso idioma, da nosa terra, da nosa nación depende do que fagamos agora. O tempo corre en contra nosa.

Yeats

Posted on Xuño 5th, 2009 in O outro saco by cuartos

“A educación non é encher o recipiente,

senón acender o lume”

YEATS

Inversión en I+D+i: remedio prá crise?

Posted on Xaneiro 8th, 2009 in O outro saco by cuartos

INVERSIÓN EN I+D+i: Remedio para a crise?

É o investimento en I+D unha característica das potencias ou é o instrumento mediante o cal un país se transforma nunha potencia? O máis seguro é que unha de cal e outra de area.

Véxase un exemplo significativo. A raíña Isabel a Católica seica ate empeñou algunhas xoias súas pra financiar o proxecto de Cristobal Colón, a “loucura” aquela de chegar ás Indias (Oriente) por Occidente. Consecuencia: Castela, un reino europeo máis convértese nunha potencia mundial.

Cal foi o problema da Coroa Española? Que a riqueza que trouxo o descubrimento non se invertiu en I+D, en progreso. Contentouse co nivel tecnolóxico existente. Así é que chegou tarde, mal e arrastro a revolución industrial e esta tivo lugar en Inglaterra.

Todo o ouro que chegaba de América gastábase en estúpidas guerras. Estírabase o pé máis que a manta. A monarquía endebedouse (ese desexo actual de máis e máis beneficios) e suculentos intereses ían parar ás mans dos banqueiros de Flandes. (Os bancos, eses elementos omnipresentes na crise económica actual).

A onde quero chegar? Pois a que a inversión en I+D+i e a manter/crear emprego podería ser o motor pra saír desta crise capitalista. Inversión en I+D+i é a solución pra que Galiza sexa competitiva neste mundo globalizado. E o I+D+i comeza no ensino infantil, pasando polo ensino medio, a formación profesional e a universidade, e a educación por aquí creo que non está moi ben.

Consellos a militantes de esquerdas

Posted on Decembro 3rd, 2008 in O outro saco by cuartos

DEZ CONSELLOS PARA MILITANTES DE ESQUERDAS

Frei Betto (frade dominico e escritor)
Revista “INZAR RAZÓNS” nº 36, páxs. 42-43

1. Manteña viva a indignación. Verifique periodicamente se é realmente de esquerda. A esquerda enfronta a desigualdade social como unha aberración que cómpre erradicar.

2. Non se pode ser de esquerda sen lixar os zapatos alá onde o pobo vive, loita, sofre.

3. O fracaso do socialismo no leste europeo non o debe inducir a descartalo do horizonte da historia humana. O capitalismo fracasou para a maioría da poboación mundial. A globalización da miseria non é maior grazas ao socialismo chinés que, malia os seus erros, lles asegura alimentación, saúde e educación a 1.200 millóns de persoas.

4. Sexa crítico, pero sen perder a autocrítica. A autocrítica non é só admitir os propios erros. É admitir ser criticado polos/as compañeiros/as.

5. Saiba a diferenza entre militante e “milibobo”. “Milibobo” é aquel que presume de participar en todo. O militante profunda os seus vínculos co pobo, estuda, reflexiona, medita; valora de forma determinada a súa área de actuación e actividades, valoriza os vínculos orgánicos e os proxectos comunitarios.

6. Sexa rigoroso na ética da militancia. A esquerda actúa por principios. Un militante de esquerda pode perder todo, a liberdade, o emprego a vida. Menos a moral. O verdadeiro militante é un servidor.

7. Aliméntese na tradición da esquerda. Coñeza a historia da esquerda. Lea.

8. Prefira o risoco de errar cos pobres, persoas privadas inxusta e involuntariamente dos bens esenciais da vida digna,  a ter a pretensión de acertar sen eles.

9. Defenda sempre o oprimido. A vida é o don maior de Deus. A existencia da pobreza clama aos ceos.

10. Faga da oración un antídoto contra a alienación. Moitas veces deixamos de rezar para non oír o chamado divino que nos esixe o cambio do rumbo na vida. Falamos como militantes e vivimos como burgueses.

Innovación? Dáme a risa.

Posted on Xuño 2nd, 2008 in O outro saco by cuartos

Cara onde imos? Futuro negro.

Innovación. Novas tecnoloxías. Capitalismo. Ecoloxismo.

As empresas de servizos innovan para mellorar a nosa calidade de vida coas novas tecnoloxías. Fano simplemente polo progreso. E a xente pensa que é así.

Cando xa esta inventada a televisión fabrícase un aparello para cambiar de canle sen se mover do sitio. Como a televisión faise moi voluminosa inventan o televisor de plasma. Dentro de pouco xa haberá a tele-folla, dunha delgadeza nunca vista. E todo o fan polo progreso, pola evolución. He, he, he. Dáme a risa.

Nas sociedades precapitalistas, a producción estaba destinada á obtención de bens de uso. As mercadorías tiñan valor na medida en que satisfacían as necesidades das persoas. Co capitalismo prodúcese para obter bens de cambio, é dicir, mercadorías para vender. Non importa que estas vallan para algo ou non. Non importa que se acabe co planeta. So interesa que o capitalista se lucre vendéndoas. Ese cambio foi a ruína do planeta.

Consumo de materias primas finitas e producción infinita. Polución directamente proporcional á producción e refugallos que aumentan exponencialmente. Cara onde imos?

Nós negamos a realidade, non nos deixan ver a realidade. E os capitalistas producen máis e máis, todo polo benestar. E como son tan bos págannos un salario que, mira ti!, empregámolo integramente para pagar os bens e servizos que eles producen.

Que é pois a innovación? Unha escusa para seguir producindo, para que sigamos mercando, para que Eles se sigan enriquecendo ás nosas costas. A súa finalidade é que eses números que aparecen nas libretas de aforro de Eles teñan máis ceros á dereita, mentres nós somos cada vez máis un cero á esquerda.

E cando o mundo estea feito unha merda e sexa inhabitábel que? Eles marcharan a Marte ou á Lúa (pensas que os viaxes espaciais se fan por amor á ciencia?) a parasitar outro astro. E nós, pobres desgraciados, quedaremos aquí morrendo, traballando, consumindo para os ricos pobres que non puideron fuxir deste cárcere chamado Terra.

Touro: a necesidade dun lema

Posted on Marzo 31st, 2008 in O outro saco by cuartos

escudo_touro1.jpg A mente humana tende a simplifica a realidade asignándolle ás persoas, obxectos, grupos sociais, lugares unha única característica. Esta xeneralización leva á creación de estereotipos, opinións preconcibidas e simplificadas dunha cousa que se empregan como definitorias da mesma, e de prexuízos     As institución públicas sábeno ben, sobre toda á hora de promocionar o turismo dun concello ou comarca concretos. Para venderse recorren a un feito determinado: unha festa, un monumento, una acontecemento histórico, unha competición deportiva…. co que atraer á xente e meterlle na cachola un lema (a etiqueta coa que se venden) asociada ao topónimo

   Véxanse algúns exemplos: que nos ven á cabeza ao oír Santiago? Catedral, e Lugo? Muralla, A Toxa? Balneario, Boiro? Praia, Catoira? Festa viquinga, Ortigueira? Festival de Música celta, Oroso? Festa da troita, Arzúa? Festa do Queixo… 

   Agora ben, cando un individuo da contorna ou de algo máis lonxe escoita Touro, que pensa? Que é o primeiro que lle vén ao maxín?    Quizais pense en “Luar, Galloso”.  “Touro? Si, non é aí onde fan un programa da galega?” … “Non, agora fano noutro lugar”. Ou en “Dona Dana, lugar de marcha”. Pero iso non é mais ca unha lembranza de tempos gloriosos que se deixaron fuxir.   

   Durante os anos que o PP de Touro leva á fronte do goberno municipal intentou a todo momento poñer a Touro no mapa, e nalgunhas cousas abofé que o logrou. Velaquí uns exemplos:

a estrada AC-240 que atravesa o concello, unha das mais antigas da Galiza, segue a ser a corredoira municipal;
 incineradora nas minas;
asuntiño das vacas tolas; 
vertidos incontrolados de sabe Deus que, cos conseguintes cheiros pestilentes e risco de contaxio de enfermidades tamén nas minas; a construcción de minicentrais no río Ulla;
o luxo de que apareza unha foto  de Fonte-Díaz nun libro como exemplo de feísmo (modelo desastroso de ordenación do territorio, exemplo a non seguir);
campañas electorais bañadas en cemento e asfalto despois de catro anos sen faceren nada;
despoboamento e avellentamento da poboación, etc, etc, etc…
   E isto non é mais que unha mostra pequerrecha da labor do noso queridiño alcalde.

    Vou nomear agora outros tres lugares: “Laza, Xinzo, Verín”. De contado todos pensan no Entroido do “Triángulo máxico ourensán”, festa de interese nacional. Díganme vostedes, as figuras tradicionais do Entroido do Ulla (os xenerais) non son tan boas, atractivas e interesantes coma os cigarróns, peliqueiros e pantallas?… Logo o problema é que o concello (os concellos) non fixeron nada por esta festas, ata o punto de que en moitas parroquias as máscaras son cousa dun pasado remoto.

      En Touro o Entroido esperta do seu durmir o domingo de corredor en Bama, continúa aos oito días (domino de Entroido) en Loxo, segue de troula o luns en Touro para ser enterrado o martes en Fao. Non sei se os xenerais serán o mais representativo do concello, pero dende logo unha boa imaxe si que o son. Idea que os curtos de mente, pasotas e obsoletos cegos encabezados por don Ignacio Codesido Barreiro non poden ver. 

   Mentres tanto, alá van eles lucindo con fachenda o escudo municipal, que vén a dicir “estamos orgullosos de que Isabel II (YII) pasase por aquí” [NOTA: A tal Isabel II debeu ser unha moi boa raíña, tanto, que no ano 1868 o tan farto pobo español fixo unha revolución para botala do trono]

      E a modo de despedida, coma os meus benqueridos xenerais: “digan todos comigo a unha voz, Viva a Galiza! Viva!… Viva Touro! Viva!… Viva a xente do noso maior aprecio! Viva!

PRA ENCETAR O BLOG

Posted on Febreiro 11th, 2008 in O outro saco by cuartos

PRA ENCETAR O BLOG

 

   No principio existía a Palabra e a Palabra esta con Deus,e a Palabra era Deus.

Ela estaba con Deus ao principio. Todo se fixo por ela e sen ela non se fixo nada do que hai.

 

   O que se fixo nela era a vida e a vida era a luz dos homes, e a luz brilla entre as tebras, e as trebras non a venceron. Houbo un home, enviado por Deus: chamábanlle Xoán. Ese veu para dar un testimonio, para dar testimonio da luz, para que todos cresen por el. Non era el a luz, senón que tiña de dar testimonio da luz.

 

   A Palabra era a luz verdadeira que alumeA a canto home hai, vindo a este mundo. Estaba no mundo e este foi feito por ela, e o mundo non a coñeceu. Veu onda os seus, e os seus non a recibiron. Pero a todos aqueles que a acolleron deulles o poder de facérense fillos de Deus, os que cren no seu nome; os cales non naceron de sangue, nin de desexo de carne, nin de desexo de home senón que naceron de Deus.

 

   E a Palabra fíxose carne e puxo o seu Fogar entare nós, e contemplamos a súa gloria, gloria que lle ven do Pai como Fillo único, cheo de gracia e de verdade.

 

   Xoán dá fé de el e óeselle dicir: “Este é do que eu vos teño dito: O que vén detrás de min, púxose diante miña, porque existía ante que min”

 

XOÁN I, 2-15