Feed

Un día para a lembranza

Posted on Xaneiro 21st, 2010 in Hoxe,Meu idioma by cuartos

Compostela, 21 de xaneiro de 2008.

A comunidade educativa galega, o estudantado galego dálle unha lección aos “iñorantes
e féridos e duros, imbéciles e escuros” que queren que a nosa lingua despareza da face da terra. Todos Queremos Galego.

Noticias en:

Vieiros

Xornal

A Nosa Terra

Galicia Hoxe

folgaxeralensino21012010

GALEGUISMO: TRES VISIÓNS

Posted on Decembro 13th, 2009 in GALIZA: Nación,Meu idioma by cuartos

“Para Piñeiro, o galeguismo viña a ser  ‘a identificación con Galicia como realidade total’, peor esa realidade entendía el que pola súa complexidade, moitas veces incluso contradictoria, era necesariamente susceptible de ser interpretada de maneiras políticas diferentes, o que excluía, por principio, calquera tipo de uniformidade ideolóxica. Ademais, a experiencia da República, que por encerrar o galeguismo nun só partido obrigaba a este a someter o propio ideario á confrontación con outras forzas, aconsellaba máis ben a táctica contraria, é dicir, acadar a galeguización de todos os demais, de maneira que o galeguismo como tal se convertese nunha conciencia ética de todos os galegos, mesmo por iso asumible por todas a ideoloxías.” (Páx 89)

“Os galeguistas poderemos estar ou non conformes cos programas políticos e sociaes dos partidos máis dispares, dende a extrema direita ó máis avanzado esquerdismo; do que non podemos abdicar é do emprego da Fala, cos que non podemos transixir é cos centralistas do idioma. Ser galeguista obriga, por enriba de todo, a pensar, a obrar, a bailar, a producirse e a falar en galego”

Ben-Cho-Shey, pseudónio de Xosé Ramón Fernández Oxea. Artigo “Encol da Fala” (Páx. 121)

“Creo que los galleguistas son, por ejemplo, en su peor sentido, esos poétas vernáculos que nos insultan o poco menos a los gallegos que escribimos en castellano, es decir, en español. La gallega es una lengua muy bonita, sin duda, y muy difícil, pero como medio actual de expresión no me parece la más apropiada ni tampoco la única”

Daniel Sueiro. “Gallegos, un poco de frivolidad” 1961

Os tres textos están tirados do libro Ramón Piñeiro, ou a reinvención da cultura galega de Xesús Alonso Montero.

Libro recomendado

Posted on Novembro 3rd, 2009 in Meu idioma by cuartos

Porque se lle dedicou o día das Letras este ano.

Porque hai un descoñecemento enorme de como da “nada” da posguerra xurdiu todo o que é a cultura galega hoxe.

Porque quero, gosto e dame a gana de recomendar este tocho de libro (400 páxinas) que se le moi ben:

Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, de Xesús Alonso Montero (Ed. Galaxia)

A chama prende

Posted on Xuño 11th, 2009 in Meu idioma by cuartos

Dende hai uns meses está prendendo unha chama no pobo galego. Cando os gobernantes e representantes na “rexión” galega do españolismo están facendo o posíbel e imposíbel para arrancarnos o cerne da nosa existencia, a lingua comezan a saltar muxicas.

Manifestación histórica en Compostela, manifestos dende todos os lugares: A Mesa, Sindicatos de todas as cores, organizacións de profesores, de estudantes, de directores de institutos. Na universidade, científicos galegos do CERN en Xenebra, Colexio Oficial de Psicologos, na rede…. O PSdG-PSOE parece que tamen se está poñendo as pilas co tema…

Que estas lapas se unan nunha gran fogueira é cousa nosa. Que a chama prenda para que ardan no lume do inferno, se é que existe, os que nos queren roubar a nosa lingua, os que queren destruír o pobo galego, os que nos queren deixar sen memoria. Por que se matar unha persoa é pecado, matar un pobo…

Da xuntanza vén a forza, e da forza,, o trunfo. ADIANTE!

Aquí van ligazóns a

Manifesto dos científicos galegos do CERN

Manifesto pola convivencia lingüística

Manifesto do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia sobre a lingua

Carta aos pais da Coordenadora de Equipos de Normalización Lingüística

Posicionamente de Galiza Nova sobre a “enquisa” no ensino

Asina contra a censura e marxinacion da música galega

Carta do profesorado de Filoloxía a Feijoo

Tríptico as linguas suman

O necesario pacto social sobre o galego

Posted on Xuño 10th, 2009 in Meu idioma by cuartos

Parece mentira que a estas alturas da película a consulta que se faga aos pais sexa coa idea de   a ver cantos hai que rexeitan o galego coma nós para ter unha escusa á hora de redactar un novo decreto que castelanice aínda máis o ensino”.

Agora o preciso é un pacto social, un compromiso de toda a sociedade galega, toda. Un pacto social ao estilo do contrato social rousseouniano. Un pacto no que nós galegas e galegos decidamos o futuro da nosa lingua.

No estado de natureza os galegos non eran felices pois diariamente debatían entre usar a lingua propia da súa terra, o galego, ou o castelán. No estado de natureza había continuas liortas entre os partidarios de vivir en galego e os que pensaban que esta lingua era inútil. A situación empeorou coa chegada á escena de plataformas coma Galicia Bilingüe e co avanzo dun discurso no estado español contrario ás linguas e culturas minoritarias (UPyD). Para empeorar aínda máis as cousas o partido máis votado nesta terra, o Partido Popular, asumiu coma propias estas ideas e dende o goberno da Xunta dedicouse a facer políticas contrarias á normalización do galego. Tal e como estaban as cousas no estado de natureza o galego deixaría de ser lingua maioritaria na seguinte xeración e nuns cen anos case non quedarían falantes.

Tal era a situación que vivía a nosa terra e padecía a nosa xente no estado de natureza. Ante isto os habitantes desta terra deciden xuntarse en asemblea e construír este pacto, o contrato social sobre a lingua, o pacto lingüístico, que guiaría o proceso de regaleguización da sociedade.

“24 de outubro. Estes días estou intentando falar máis galego na casa. Meu pai dime que falo máis galego ultimamente e iso faime sentir ben comigo mesma porque é coma un premio persoal.” (Patricia Fernández) Así comeza un capítulo de Ben faldo!

Mentres ese pacto social maioritario e tan preciso non se materializa, a que agardas? Asina o “manifesto” individualmente. Galeguízate ti para galeguizar a sociedade. Fai como relataba esa moza no Diario Lingüístico. Comeza a falar galego para non deixar de falar nunca esa fermosa lingua. O pacto comeza en ti, en min, en nós, vai sendo hora de asinalo.

Para saber máis sobre o Diario Lingüístico, iniciativa normalizadora no IES Rodeira, faga click na seguinte ligazón

http://www.crtvg.es/reproductor/inicio.asp?canal=tele&hora=10/06/2009%2015:32:56&fecha=05/06/2009&arquivo=1&programa=BEN%20FALADO!&id_programa=456

Ou vaia a Crtvg>á carta>TVG á carta e busque o programa Ben falado. Mire o capítulo 228 (día 5 de xuño de 2009).

Grupo en Googlegroups, busque Vaidelinguas ou faga click en: http://groups.google.es/group/vaidelinguas?lnk=srg&hl=gl

A Resistencia do Finis Terrae: 17 de maio

Posted on Maio 21st, 2009 in GALIZA: Nación,Meu idioma by cuartos

COMPOSTELA, MANIFESTACIÓN 17 DE MAIO DE 2009

Digo unha cousa: Galiza non morrerá, o pobo galego non morrerá. Pois Galiza e o pobo galego son a expresión actual da Resistencia do Finis Terrae, e esta é eterna. A Resistencia do Finis Terrae é un fénix, paxaro de lume que nace, medra, morre ardendo e queda convertido en cinsas. Mais, desa cinsa volve a nacer o paxaro ancestral, o fénix nunca morre.

E que somos nós? Que é Galiza e o pobo galego? Pois somos ese fénix, somos a Resistencia do Finis Terrae desta época. Pode que desapareza Galiza e os habitantes deste anaco de terra xa non se expresen nesta lingua milenaria. Pero tranquilos, axiña se erguerán outras voces críticas que aman ese anaco de terra no que viven, o Finis Terrae. Axiña se ereguerán voces que piden xustiza social e loitan contra a opresión. Axiña ha renacer o fénix, a Resistencia. Cambian os tempos, mudan os nomes, as persoas morren. Aínda así algo fica estático. No sentir da xente vai a semente, no sentir das xeracións vai a cinsa do fénix. E tede por seguro que as cinsas prenderán e coa luz e calor dese lume a xente converterase en pobo, as cinsas, en fénix e este resucitará, resucitará a Resistencia do Finis Terrae.

Vexamos logo como se presentou a Resistencia dende que o pasado que coñecemos.

***Galicia prerromana: os castrexos non se renden, Monte Medulio.

***Gallaecia e o primeiro reino de Europa: Suevia.

***Reino de Galicia. Revoltas irmandiñas, intentos de nobreza galega de non perderen peso político.

***Galicia-Galiza contemporánea: provincialismo, rexionalismo nacionalismo. O Rexurdimento das nosas letras, pronunciamentos liberais de corte provincialista e rexionalista (os mártires de Carral). Comezos do século XX: nacionalismo, Estatuto de Autonomía. Anos sesenta: a nación galega non esmoreceu, o nacionalismo volta á rúa. Democracia e autonomía ata 2001: o nacionalismo sobe e sobe no pazo do Hórreo. 2002: Nunca máis…

Compostela, domingo 17 de maio de 2009, caen chuzos de punta, autoestradas colapsadas: o fogar de Breogán esperta. Manifestación histórica: na praza da Quintana non collía unha agulla e aínda había xente saíndo da Alameda (de alí saía a manifestación) que aínda tiña que ir cara o centro (preto do parlamento) e subir pola rúa do Vilar cara a Quintana. A praza encheuse dúas veces para ler o manifesto.

O fénix estábase apagando, o pobo galego estaba morrendo, a expresión actual da Resistencia do Finis Terrae estaba desaparecendo. Pero o 17 de maio de 2009 en Compostela prodúcese un feito histórico. Compostela outra vez máis demostrou a súa capitalidade. E hoxe o pobo galego vólvese a unir para demostrarlle a aqueles que o queren matar silenciosamente que AQUÍ ESTAMOS e AQUÍ ESTAREMOS: Sempre en Galiza, sempre en galego.

E se algún día todo isto desaparece (cousa que non vai ocorrer) algo novo virá, algo precioso coma isto. Outro pobo e outra xente expresándose noutra lingua (quizais inexistente polo de agora), a futura expresión da Resistencia do Finis Terrae.

Galiza existe, o fénix vive, o galego fálase. Non deixar que se apague o lume, a loitar pobo!

NOTA: sei que de aquí poden saír interpretacións moi reviradas, o concepto ese ficticio da Resistencia ten que ser revisado. Isto é unha fábula, non o vaia tomar o persoal ao pé da letra.






17 de maio: que pasa co galego?

Posted on Maio 15th, 2009 in Hoxe,Meu idioma by cuartos

O galego que non fala
Na lingua da súa terra
Non sabe o que ten de seu
Nin é merecente dela.

(“Da Vella Roseira”, Victoriano Taibo)

Mañá 17 de maio celebraremos o Día das Letras Galegas manifestándonos en Compotela en defensa do noso idioma. Poque o galego é a nosa columna vertebral, o idioma que nos une. Vén canda nós, para expresarmos todas e todos xuntos que queremos vivir en galego.

Que está ocorrendo co galego, cos galegos, con Galiza? Pois o seguinte:

-Os grandes poderes económicos estatais españolistas e fundacións coma FAES apoiados por partidos coma PP e UPyD: “vamos acabar cos nacionalismos perifericos da península”. “Cal é destes o pobo máis débil?” “O Galego” “Pois imos acabar coa súa pouca identidade para que non exista alí nacionalismo, para que deixen de reclamar nada e deixen de seren galegas e galegos” “Cal é o elemento que lles dá máis cohesión” “O idioma” “Pois vamos facer que se asocien cousas negativas ao seu idioma, ou era dialecto?, e que deixen de quererlle. Vamos facer que crean que o galego se impón, que non lles serve para nada. Vamos lle meter aínda máis castelán”

E o resto xa o sabedes: Galicia Bilingüe, cambio de rumbo do PPdG e … os galegos que nos damos conta disto alí estaremos, o 17 EN COMPOSTELA, porque somos galegos, porque falamos galego.

E aquí estou eu apoiando a iniciativa de Blogues pola Lingua.

http://bloguespolalingua.blogaliza.org/2009/05/13/accion-conxunta-de-blogues-pola-lingua-na-vespera-do-dia-das-letras/

Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego

Organización pro-galego na UVigo

Posted on Abril 28th, 2009 in Meu idioma by cuartos

 ESPERTA DO TEU SONO…

“O Fogar de Breogán está espertando do seu longo soño”

“O Fogar de Breogán está espertando pra non durmir máis”

“O Fogar de Breogán levaba tempo adormecido, co corazón xeado. Quedaba pampo ante aqueles que aproveitando a friaxe do seu corazón lle querían roubar o seu máis prezado tesouro: a lingua, cerne e base da súa identidade”

“Mais o sol da primavera derreteu a escarcha que levabamos no corazón. Nunha desas mil primaveras auguradas por Cunqueiro, na do 2009, a calor da razón e do amor ao propio (lingua, cultura,  xente, terra) cumpriu a súa función: acabar coa indiferenza e dar comenzo á loita por defender o noso”

“Nesta primavera do 2009 algo está pasando na Galiza. A crise,  a aparición de grupos reaccionarios en contra do galego, as intencións do PP reentrante na Xunta respecto a lingua… Todo isto e moito máis callou na xente, en min, en NÓS.”

“Callou en NÓS, e xa hai un NÓS potente na Universidade de Vigo para defender o galego (que non atacar o castelán nin os castelanfalantes).”

“Xa hai un NÓS na Uvigo, un NÓS sen nome (por agora), un NÓS que é noso, daqueles que nos preocupa a situación na que se atopa o idioma propio de Galiza. “

“Xa hai un NÓS, do que ti podes formar parte. O contexto histórico non permite pasividade. Se o corazón che pide NÓS, non o penses máis.”

“Fales o que fales,

teñas as ideoloxías, crenzas que teñas,

pertenzas ou non a calquera asociación ou grupo/partido político.

O GALEGO precisa de ti,

GALICIA precisa de ti,

NÓS necesitámoste”

“Manda un  correo a vigalego@gmail.com 

e únete a NÓS para defender o que é teu, meu, noso,

O GALEGO,

A LINGUA DE ROSALÍA, CURROS E PONDAL”

“Os tempos son chegados
dos bardos das edades,
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois donde quer, xigante,
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán”.

As Xeiras deron o seu froito…

Xeiras sobre a lingua galega I

Posted on Abril 15th, 2009 in Hoxe,Meu idioma by cuartos

Xeiras sobre a lingua galega Comités Vigo

Hoxe, salientar a altísima participación na Xeiras sobre a lingua galega organizada polos Comités en Vigo. Arredor de 70 persoas acompañaron aos diversos participantes nos debates (María Yáñez, Ana Iglesias, Henrique Costas, Iolanda Veloso, Carlos Callón, Fernando Ramallo, Alexandro Prieto…)

No día de hoxe proxectouse o docuemental “Linguas Cruzadas”, e nas mesas de debate tratáronse temas como “Bilingüismo ou diglosia”, “A normalización do galego”, “A situación actual do galego”, “Lingua e novas tecnoloxías”.

Unha necesidade: buscar o “click”  que faga que castelanfalantes se incorporen ao galego e que os galegofalantes non deixen de selo.

Un comentario: as novas teconoloxías, internet, non van amañar nada. Quen pode cambiar as cousas somos as persoas. Se hai un caldo de cultivo na sociedade de cambio e mobilización, internet pode potenciar iso, senón internet non fai servir de moito.

A importancia das accións e actitudes individuais, pois que son as accións e actitudes colectivas máis que a suma das idividuais?

E por último e bastante importante, hoxe falouse de organizar un grupo de universitarios con conciencia lingüística para os que galego non é un algo indiferente. Un grupo con intencións normalizadoras e reivindicativas. A ver o que se consegue consolidar nestes dous días que restas de Xeiras.

Carta aos votantes do PP

Posted on Febreiro 20th, 2009 in Eleccións,Meu idioma by cuartos

Meus ben estimados votantes do PP que vivides no rural:

Por se non vos decatastes importádeslle unha merda a Núñez Feijoo e aos seus. Pra eles vale máis unha manda de votos das cidades que todos os pepeiros que habitades no rural xuntos (e non sodes poucos!).

Por medo a que catro radicias españolistas de dereitas lle marchen pra U.P.D. (un partido que creou unha exsocialista hai un ano) o PP do Señor Alberte pasa a tacar a lingua que falades TODOS vós, o galego.

O cariño ás persoas demóstrase con pequenos detalles, e este, estaredes dacordo comigo, que é un moi feo.

Xulgade vós mesmos.

Firmados: un rapaza do rural que fala galego

O futuro do galego

Posted on Maio 19th, 2008 in Meu idioma by cuartos

 

NÓS, POBRES ALIENADOS

   A vós, irmáns, que coma min chorades bágoas de espiñas. A vosoutros, irmáns, que ao andar polas corredoiras da vida emporcades os zocos en lamaguentas palabras alleas. A todos os que mamastes dende o berce o gran tesouro dos nosos trobadores. Para os que falades galego e estades, como estou eu, alienados.

   Por que alienadosPorque así que temos sentido e nos escoitamos falar dannos … ao oír certas palabras, (noxo?). Porque ao darnos eses … volvemos sobre elas e decatámonos de que son castelanismos. Para remendar o asunto usamos a palabra galega e … séguennos dando … E daquela cavilamos e barrenamos e non sabemos que facer. O sanatorio de Conxo está ateigado de pobres alienados tolos que non o puideron soportar. Se vas alí e llo preguntas diranche que ese … é un sentimento horríbel, que é un coma un buraco negro, é un non existir, un estar dacabalo entre aquí e acolá e non ser de ningures.

   Aínda hai outras dúas manifestacións da alienación. Os cativos  brincan pola casa entre ghatos e ghaliñas, miran os paxaros de seo e van ao sine con seus pais. Pero, tan pronto chegan á escola apréndenlle centos de palabras de libro sen eses fonemas cos que se criaron. O mestre oculta tamén as súas peculiaridades lingüísticas. Iso a onde leva? Os cativos medrarán (eu son un deses cativos) e cando falen na súa vida cotiá intentando depurar castelanismos ou en actos formais, desfaranse do seseo e máis da gheada (niso os educaron). Alienaranse. Transformaranse nun ente inerte co don da palabra,  que fala e non se quere oír, pois non se recoñece na imaxe que  lle devolve o espello. Pobres alienados, choromicas inconscientes que soñan pesadelos de bághoas bañadas en seseo e gheada. Pesadelos ocultos que o censor dos soños lle aghacha á consciencia para non facerlle tan amargha a existencia.

   A terceira alienación é a das xeracións que involucionan. O idioma xurdiu dun berro, dun choro (primeiras falas humanas). Nós volvemos á Idade de Pedra, imos deixando que as palabras afoguen entre as silveiras dos roleiros. Nós, homo sapiens sapiens, co cerebro superdesenvolto, coa mente a rebentar de conceptos e coa cabeza chea de paxaros, cada día facémonos máis rochosos, máis paleolíticos, menos barulleiros. Cando tiramos significantes (palabras) nalgunha cuneta,  malia seguiren existindo as realidades materias ou conceptuais ás que estas se refiren, malia ter na mente o significado (concepto), non nos petrificamos un chisco máis? Non nos volvemos autistas coma os penedos que pensan (si, as pedras tamén pensan!) e non se expresan? Non nos estamos alienando? Non perdemos a sociabilidade humana (fundamentada na linguaxe) e illámonos coma os penedos que aparecen sós no medio do monte?

   Nós, irmáns, estamos alienados mais… non sempre ha ser así! Cal é o prezo que habemos de pagar para destruír a alienación, para acabar con ela? Unha quinta, o sangue dunha quinta. Ese é o prezo! Abonda co sacrificio dunha xeración, escrava xa dende berce, para derrotala. A suor dunha quinta transmitíndolle á proxenie unha fala pura (ceibe de castelanismos), enxebre (coas variantes dialectais propias do recuncho que a cada un lle tocou habitar) e rica (con todo ese léxico imprescindíbel que se está esquecendo). Esa é a solución para despachar a alienación centenaria! A loita persoal de cada galego, pensando globalmente (no pobo galego) e actuando de xeito individualé o único remedio. É aghora entenderás que che digha irmán porque

“Común temos a patria, común a loita, ambos.

A miña mau che dou, coma un irmáu che falo”.

CELSO EMILIO FERREIRO, Longa noite de pedra

**********************************************************************************************************

Neste día das Letras Galegas, aínda que fose o sábado pasado, quería facer unha exhortación a todos os que, coma min, están alienados.

Irmán: se es galego, fala galego

            se teus pais e teus avós che falan galego, por que ti non o falas?

Se falas galego, intenta falalo cada día un chico mellor.

***

A nosa xeración, aínda coa vantaxe de estudar galego na escola, está alienada.

Nosos pais transmitíronnos unha lingua pura e fermosa, si, máis con algunhas impurezas. O noso falar está corroído, oxidado.

Nas nosas mans está que o falar dos nosos fillos brille coma a lúa. De nós depende eliminar os virus que introduciron os imperialistas casteláns no noso idioma, de nós depende destruír esa infección que está acabando co galego, que o está fagocitando.

Se nos deixamos levar, se non loitamos, os invasores quedarán máis contentos que un gato enriba dun queixo. Saíran coa súa. Desaparecerá o galego. E os nosos fillos serán uns monicreques de ningures que falan unha lingua que non é súa.

É iso o que queremos? …

Para rematar coa alienación centenaria abonda co sacrificio dunha xeración…

NÓS SOMOS ESA XERACIÓN!!!

 

1- Fala galego o mellor que poidas, pero fálao. Ninguén é perfecto, pero pódese camiñar cara a perfección, ou cara o desastre. Ti cara onde vas?

2-Escoita aos teus avós e imítaos. Cantas palabras empregan eles que ti xa non usas?

3-Fala SEMPRE coas variedades dialectais propias da túa zona, non te averghoñes!

4-Depura os castelanismos.

Teus fillos aghradecerancho.

***

Non sexas eghoísta, comparte. Fálalle desta mensaxe aos teus colegas. Reenvíalle esta mensaxe aos teus colegas.

Que esta mensaxe dea a volta enteira a Galiza.

E seremos máis galegos. Nosos fillos aghradeceránnolo.

Desperta do teu sono fogar de Breogán!

Galicia Bilingüe?

Posted on Marzo 31st, 2008 in Meu idioma by cuartos

GALICIA BILINGÜE?

   Dicía unha de Galicia Bilingüe: “No puedo comprender como la gente no firma nuestro manifiesto”. Pois direillo eu, señoriña: porque os galegos somos desconfiados. E nestes casos vennos ben porque non é ouro todo o que reloce e ninguén vende o peso a catro pesetas. O que sodes vós é unha banda de pijos proespañolistas e antigaleguistas que queren unha “Galicia bilingüe”. Utopía! Iso nunca existirá! Onde conviven dúas linguas hai conflito xa que unha  delas sempre intentará desprazar á outra. Vós o que sodes e uns ladróns de dereitos lingüísticos que andan doentes porque lles obrigan a devolver os dereitos roubados.

   Xustiza: na Galiza, en galego! Paisanos, non vos deixedes enganar: o demo para facelas pon a manta, e ao que as fai toca a gaita.

A MÁSCARA DOS GALEGOS

Posted on Febreiro 11th, 2008 in Meu idioma by cuartos
A MÁSCARA DOS GALEGOS    Galegos, amiguiños, quitade esa máscara! Falade a lingua de Rosalía, Curros e Pondal!

   Como dicía o outro, este mundo éche un teatro e nós non somos máis que uns actores que representan o seu papel ante un omnipotente e omnipresente espectador, unhas personaxes que camiñan todo dereito e sen arrecuar cara a entropía. Imos de mal en peor amiguiño, isto éche así e non hai volta de folla.

   As nosas vidas non son os ríos que van dar ao mar, son as praxis que nos levan ao episodio final. Nós non andamos en coturnos que non somos casteláns, somos humildes galegos e non queremos fardar. Os actores non son o que vemos, son o que está oculto; un ser humano non é corpo, é alma.

   Non hai persoa que non leve unha carátula. Nun principio estabamos como Deus nos trouxo ao mundo pero é esta sociedade escravizadora a que nos obriga a poñela. Di o home resentido: “eu son como me fixeron”.

   A vida é un buscar a liberdade que temos perdida polo sinxelo feito de vivir e que só a alcanzaremos coa morte. Non nos fagamos escravos das nosas máscaras, xa temos de sobra coa que levamos irremediablemente para que aínda por riba lle engadamos outra máis.

   Algúns galegos actúan con dúas máscaras. Pobriños, ai que mágoa me dades!  Se levar unha xa é negro, vós debédelas pasar putas. Sarna con gusto non pica, din (pero mortifica). Aínda así mira que sodes trosmas. Dádeme unha soa razón de por que a levades…

   …Non a hai! Son os espíritos do Hades os que vos incitan a poñela e vós deixádesvos seducir. Esa vosa hamartía pagádela cara, e pásavos por envolverse con malas compañías.

   “Ai, eu levo a máscara porque me peta” dirás ti, malpocado. Mais ti, que nin es o último dos heroes, cando te ves entre cus e caldeiros e perdes a sophrosyne ben porque estás enfadado, borracho, relaxado ou namorado, daquela si que a sacas, cona!   ¡Va que si! Daquela si que te mostras ante o mundo tal e como es, un da miña estirpe, un galego.

Nese momento si que es digno da miña sympatheia, do meu eleos e de todo o que faga falta. Entón, empezas cunha restra de Pater Nostres e xuramentos; ebrio, cantas “eu traioo unha borracheiraa”; emocionado, dis “ai que riquiño”; namorado, soltas “quérote moito meu amor”… Ves como es galego dos pés á cabeza! Poderás enganar a quen queiras pero ao omnisapiente espectador do divino theatron non. Poderaste enganar a ti mesmo se che peta (iso si que sería triste!) pero a min, que tanto teño andado por este mundo, non mas dás metido.

   Non te escravices, xa hai escravitude abondo neste mundo. Móstrate tal cal es. Fala coas palabras que che corren polas veas, coas que mamaches desde pequeno; non te enganes.

   Fala galego irmán, fala galego.  

__________________

Vocabulario relativo á traxedia grega:

praxis = accións                                                         sympatheia = identificación co outro

carátula = máscara, careta                                         eleos = compaixón

hamartía = erro                                                         theatron = grada

sophrosyne = serenidade