Feed

60º cabodano da morte de Castelao

Posted on Xaneiro 7th, 2010 in GALIZA: Nación,Hoxe by cuartos

anosaterranonenosa

No 60º cabodano do pasamento de Castelao, aínda

“A nosa Terra non é nosa, rapaces”

Nova en Vieiros

Foto tirade de: Clica aquí

GALEGUISMO: TRES VISIÓNS

Posted on Decembro 13th, 2009 in GALIZA: Nación,Meu idioma by cuartos

“Para Piñeiro, o galeguismo viña a ser  ‘a identificación con Galicia como realidade total’, peor esa realidade entendía el que pola súa complexidade, moitas veces incluso contradictoria, era necesariamente susceptible de ser interpretada de maneiras políticas diferentes, o que excluía, por principio, calquera tipo de uniformidade ideolóxica. Ademais, a experiencia da República, que por encerrar o galeguismo nun só partido obrigaba a este a someter o propio ideario á confrontación con outras forzas, aconsellaba máis ben a táctica contraria, é dicir, acadar a galeguización de todos os demais, de maneira que o galeguismo como tal se convertese nunha conciencia ética de todos os galegos, mesmo por iso asumible por todas a ideoloxías.” (Páx 89)

“Os galeguistas poderemos estar ou non conformes cos programas políticos e sociaes dos partidos máis dispares, dende a extrema direita ó máis avanzado esquerdismo; do que non podemos abdicar é do emprego da Fala, cos que non podemos transixir é cos centralistas do idioma. Ser galeguista obriga, por enriba de todo, a pensar, a obrar, a bailar, a producirse e a falar en galego”

Ben-Cho-Shey, pseudónio de Xosé Ramón Fernández Oxea. Artigo “Encol da Fala” (Páx. 121)

“Creo que los galleguistas son, por ejemplo, en su peor sentido, esos poétas vernáculos que nos insultan o poco menos a los gallegos que escribimos en castellano, es decir, en español. La gallega es una lengua muy bonita, sin duda, y muy difícil, pero como medio actual de expresión no me parece la más apropiada ni tampoco la única”

Daniel Sueiro. “Gallegos, un poco de frivolidad” 1961

Os tres textos están tirados do libro Ramón Piñeiro, ou a reinvención da cultura galega de Xesús Alonso Montero.

Galiza: espertando do soño

Posted on Xuño 13th, 2009 in Do meu anllar,GALIZA: Nación by cuartos

noite-de-luar

E cando espertei do soño ela xa non estaba. Desaparecera para sempre, para non volver nunca máis. Todo o que vivira con ela, todo que desfrutara nela era iso, un soño. Levaba toda a miña vida vivindo nun soño! E agora xa non sei se quero espertar e poñer os pés na terra ou volver para cama, adormecer coa “Cantiga de berce” de Fuxan os ventos e intentar volver ao soño, para estar outra vez alí, para estar outra vez con ela: Galiza.

Espertei e vin a toda a xente falando castelán. Vin nais e pais que poñían en enquisas que preferían o inglés antes que o galego para os seus fillos. Vin xente desprezando a súa cultura. Vin gobernantes que teiman destruír as poucas sinais de identidade que nos quedan. Vin, vin que realmente estaba vivindo en Galicia, unha rexión máis España, un lugar do montón, coma outro calquera. E daquela derrubeime e comecei a chorar. Chorar como non fixera antes, porque espertara e sabía ben que o soño era iso, un soño, e nunca máis estaría alí, en Galiza.

Sabía que nunca máis estaría con ela, nin que desfrutaría máis da súa lingua, dos seus beizos, dos seus peitos, dela. Sabía que endexamais me riría cos seus contos retranqueiros, nin me faría cóxegas na orella. Sabía que non me espertaría máis polas mañás coas alboradas dos paxaros, sabía que non oiría máis o cuco saír do cubil entre marzo e abril. Sabía, sabía que todo pasara, e que non volvería máis. Realmente non pasara, estaba todo na miña cabeza. Pero era tan real… e aquí sigo, chorando sen saber que facer. Soñar ou non soñar, velaí a cuestión!

A Resistencia do Finis Terrae: 17 de maio

Posted on Maio 21st, 2009 in GALIZA: Nación,Meu idioma by cuartos

COMPOSTELA, MANIFESTACIÓN 17 DE MAIO DE 2009

Digo unha cousa: Galiza non morrerá, o pobo galego non morrerá. Pois Galiza e o pobo galego son a expresión actual da Resistencia do Finis Terrae, e esta é eterna. A Resistencia do Finis Terrae é un fénix, paxaro de lume que nace, medra, morre ardendo e queda convertido en cinsas. Mais, desa cinsa volve a nacer o paxaro ancestral, o fénix nunca morre.

E que somos nós? Que é Galiza e o pobo galego? Pois somos ese fénix, somos a Resistencia do Finis Terrae desta época. Pode que desapareza Galiza e os habitantes deste anaco de terra xa non se expresen nesta lingua milenaria. Pero tranquilos, axiña se erguerán outras voces críticas que aman ese anaco de terra no que viven, o Finis Terrae. Axiña se ereguerán voces que piden xustiza social e loitan contra a opresión. Axiña ha renacer o fénix, a Resistencia. Cambian os tempos, mudan os nomes, as persoas morren. Aínda así algo fica estático. No sentir da xente vai a semente, no sentir das xeracións vai a cinsa do fénix. E tede por seguro que as cinsas prenderán e coa luz e calor dese lume a xente converterase en pobo, as cinsas, en fénix e este resucitará, resucitará a Resistencia do Finis Terrae.

Vexamos logo como se presentou a Resistencia dende que o pasado que coñecemos.

***Galicia prerromana: os castrexos non se renden, Monte Medulio.

***Gallaecia e o primeiro reino de Europa: Suevia.

***Reino de Galicia. Revoltas irmandiñas, intentos de nobreza galega de non perderen peso político.

***Galicia-Galiza contemporánea: provincialismo, rexionalismo nacionalismo. O Rexurdimento das nosas letras, pronunciamentos liberais de corte provincialista e rexionalista (os mártires de Carral). Comezos do século XX: nacionalismo, Estatuto de Autonomía. Anos sesenta: a nación galega non esmoreceu, o nacionalismo volta á rúa. Democracia e autonomía ata 2001: o nacionalismo sobe e sobe no pazo do Hórreo. 2002: Nunca máis…

Compostela, domingo 17 de maio de 2009, caen chuzos de punta, autoestradas colapsadas: o fogar de Breogán esperta. Manifestación histórica: na praza da Quintana non collía unha agulla e aínda había xente saíndo da Alameda (de alí saía a manifestación) que aínda tiña que ir cara o centro (preto do parlamento) e subir pola rúa do Vilar cara a Quintana. A praza encheuse dúas veces para ler o manifesto.

O fénix estábase apagando, o pobo galego estaba morrendo, a expresión actual da Resistencia do Finis Terrae estaba desaparecendo. Pero o 17 de maio de 2009 en Compostela prodúcese un feito histórico. Compostela outra vez máis demostrou a súa capitalidade. E hoxe o pobo galego vólvese a unir para demostrarlle a aqueles que o queren matar silenciosamente que AQUÍ ESTAMOS e AQUÍ ESTAREMOS: Sempre en Galiza, sempre en galego.

E se algún día todo isto desaparece (cousa que non vai ocorrer) algo novo virá, algo precioso coma isto. Outro pobo e outra xente expresándose noutra lingua (quizais inexistente polo de agora), a futura expresión da Resistencia do Finis Terrae.

Galiza existe, o fénix vive, o galego fálase. Non deixar que se apague o lume, a loitar pobo!

NOTA: sei que de aquí poden saír interpretacións moi reviradas, o concepto ese ficticio da Resistencia ten que ser revisado. Isto é unha fábula, non o vaia tomar o persoal ao pé da letra.






BNG=Casa? Non

Posted on Abril 13th, 2009 in BNG,GALIZA: Nación,Hoxe by cuartos

BNG=Casa? Non.
Moitos, como algunha destacada personalidade nacionalista, refírense ao BNG como “a casa común de todos os nacionalistas”. Para empezar, non estou de acordo con esta definición. Vexamos que hai detrás da “casa”.
Non estou de acordo porque o BNG naceu como un instrumento dun sector da poboación galega (non expresamente nacionalista) comprometida co mundo no que vivía. O BNG naceu como instrumento para cambiar a realidade. Na actualidade, pola contra, moitos xa o consideran un “fin”en si mesmo. Este cambio de concepción explica o “estático” do BNG. Explica tamén que se chegase ás veces a un “ideoloxismo” e a un culto ao partido, lembrando incluso ao “obcecamento relixioso”.
O BNG cando naceu non era un partido. O BNG meteuse dentro do sistema e converteuse nun partido político. E claro está, os obxectivos mudan, o obxectivo agora é “chegar ao goberno para facer políticas transformadoras”. O BNG saiuse do seu ámbito, perdeu a súa orixinalidade e xa vemos que ben lle vai, e lle irá.
O BNG converteuse nun instrumento inútil, e sinto dicilo, moito me temo que nunca recupere a súa utilidade, así que cidadáns comprometidos, mocidade comprometida (vós que sodes o futuro) ide creando o voso propio instrumento se queredes deixar pegada no mundo e mirade para os erros dos que vos precederon. Lembrade:
“ Da xuntanza vén a forza, e da forza, o trunfo”

Eutanasia

Posted on Novembro 3rd, 2008 in GALIZA: Nación by cuartos

EUTANASIA

Preto. Está preto. Está chegando a hora na que o pobo galego fará a escolla máis importante da súa historia. A escolla que pode acabar coa sua historia.

O pobo galego existe por obra e graza da lingua. O noso idioma individualízanos, fai que en vez de conxunto de seres humanos, ou españois, sexamos galegos.

Pois ben, ante a imparábel substitución do galego polo castelaln, todos os galegos, como membros dunha colectividade temos que tomar unha decisión respecto a nosa identidade e ao noso idioma. As 4 posibeis combinacións son:

Falar galego

Falar castelán

Sentirse galego

Falo galego e son galego

Falo castelán e son galego

Sentirse español

Falo galego e son español

—–>

Falo castelán e son español

Estas catro posíbeis combinacións de orixe vanse reducindo a dúas (pois como indican as frechas dúas delas levan a outra).*

A decisión que temos que tomar os galegos acaba sendo unha dicotomía: elexir entre manter vivo o idioma galego ( falándoo) e seguir sendo galegos, ou deixar de falar galego e facernos cada vez máis españois.

Esta importante elección farase de forma democrática, somos maiorciños, será o que queira a maioría.

Unha opción desas dúas, irmáns, como ben vedes é a eutanasia: o autosuicidio dun pobo que se fartou de existir.

Se a eutanasia fose a opción elexida (non o queira Deus!), non choredes pola maioría que elexiu acabar co pobo galego (os suicidas). Chorade ben chorado un océano de bágaos polos últimos galegos, por aqueles que coma min ven (sen querelo) como a maioría dos seus compatriotas asasinan o seu pobo, asasinan un gran anaco dos seus corazíns, cortan as súas raíces. Chorade por nós que imos murchando amargamente
asasinados por un pobo, polo noso pobo, ese pobo que xa non existe.

—-

*as frechas non se ven, intentarei amañar isto

Día da Patria Galega

Posted on Agosto 27th, 2008 in GALIZA: Nación by cuartos

25 de XULLO do 2008

 

Son moitos os que lle poñen un autocolante do estilo (GZ) ao coche.

Son moitos os que locen as típicas camisolas de reivindicación nacional (somos unha ración/nación) ou de exaltación da nosa terra (Hard Licor Café; 100% Tenreira galega)…

Tamén hai quen pon de nome de usuario do correo electrónico, fotolog ou web nome_galiza, nome_gz ou similares.

 

E gran parte destes van para a cama todos cheos, satisfeitos, orgullosos de si mesmos pensando: “Hoxe cumprín coa obriga de servir á miña patria”.

 

E moitos deles están ben enganados.

 

Ese non é xeito de servir a Galiza, nadamais é unha marca exterior que deciden levar algúns dos seus servidores. Eses son detalles cariñosos de amor a Galiza que se non van acompañados doutros actos, non demostran nada.

 

Así pois se queres cumprir coa nosa nación, alomenos peregrina un día ao ano a Compostela.

Vai a Compostela o 25 de xullo, Día da Patria Galega, deixa a un lado a cor política e únete ás decenas de miles de voces que reivindican xuntas unha Galiza libre.

 

Lembra: este precepto é de obrigado cumprimento, coma ese piar musulmán de ir alomenos unha vez á Meca.

 

E o 25 de xullo pola noite durmirás en paz porque alomenos unha vez no ano cumpriches coa túa nación, coa túa paria, coa túa terra, con Galiza.

 

———-

Nota: máis vale tarde que nunca, escrito en xullo, por problemas de coordinación, saiu do prelo a última semana de agosto

Dereito a existir

Posted on Xuño 11th, 2008 in GALIZA: Nación by cuartos

DEREITO A EXISTIR

Nacionalismo Galiza Nación

No comezo dos tempos un ser vivo existía na medida en que se podía distinguir do medio acuático que o rodeaba e se podía reproducir e relacionar co medio.

Do mesmo xeito, nós existimos como galegos, comunidade diferenciada (nación) na medida en que somos distintos do resto da especie humana que nos rodea. Nós, igual que aquela primeira célula primitiva (LUCA) só queremos seguir existindo: non ser materia, ser vida; non ser simples homo sapiens sapiens, ser galegos. É tanto o que pedimos?

celula.gif

http://icacompu-practicas.galeon.com/celula.gif

Déja vu

Posted on Maio 8th, 2008 in GALIZA: Nación by cuartos

Unos 10.000 ganaderos protestarán hoy en Santiago por la caída de la leche y la carne en origen

09:06:10 – 30/04/2008VMT -Más de 10.000 ganaderos se manifestarán hoy por las calles de Santiago de Compostela para alertar de la situación “desesperada” en la que se encuentran las 14.000 explotaciones de leche y las 15.000 de carne de vacuno.Etiquetas:ganaderiamanifestacionsantiagoLos tres sindicatos agrarios gallegos Unión Agrarias (UU.AA.), el Sindicato Labrego Galego (SLG) y Xóvenes Agricultores (XX.AA.) han convocado esta manifestación unitaria, que justificaron por el “peligro de supervivencia” de estas explotaciones, ya que a estas bajadas se le suma el incremento de los costes de producción.

déja vu: sensación de ter vivido antes unha mesma situación.

anacrónico: propio doutra época.

anacronismo: acción de atribuír a personaxes dunha época costumes ou ideas doutra.

estatuto-do-36.jpg











Déja vu, déja vu constante.Vivimos nunha anacronía! Si, como escoitas.

2008-1936=72 2008-1978=30

72 anos. E 30 deses, de democracia. E todo coma sempre! Para que serviu a Constitución española? Diranche: “o maior período de paz e prosperidade de toda a súa historia”. Si, non o dubido. Mais… os galegos seguimos igual!

Hai 72 anos sucedía en Galiza o mesmo que agora: nós traballamos, nós padecemos, nós sufrimos e… son outros os que levan os beneficios. Mentres nós vivimos na miseria,  outros viven na opulencia á conta nosa.  A nosa terra (ai!, pero temos terra?), é rica en froitos de toda clase (culturais, humanos, pesqueiros, agrarios, industrias, tecnolóxicos…). Pero… aínda que a terra traballámola nós, a terra semella non ser nosa…

Criamos a becerra, botámola á vaca para que mame, ímoslle por herba, estrámoslle a corte, levámola a pacer, a becerra pasa a ser xovenca, logo vaca, pero á hora de vender o leite… a vaca non semella nosa!  Outros lévano todo e a nós déixannos co xusto para vivir, digo, co xusto para sobrevivir, é dicir, déixannos o xusto para que as células do organismo continúen en funcionamento para seguir producindo máis, e máis… E cada vez somos máis e máis a outros, e pertencémonos menos e menos a nós mesmos.

Son tan distintas, logo, as reclamacións das mentes espelidas do 1936 ás de hoxe? Os problemas lonxe de desaparecer van a máis. A solución foi, é, e seguirá sendo a mesma: un Estado. Un Estado propio. Un Estado noso, un Estado que nos defenda. A solución é a mesma: un Estatuto, Estatuto por non dicir Constitución.

A constitución da “República socialista de traballadores galegos”.

Para que remate esta vergonza vota a Constitución (a nosa, non outra!).

E pasarán algúns anos, e “os de sempre”, (os que esfarelaron o “gran soño dos galeguistas”, a piques de se materializar no 1936), (os mesmos que o ano pasado dixeron “NON” a un Estatuto de nación para Galiza dentro do marco legal vixente [a “legalidade” na que nos “enmarcaron” baixo a lei marcial]),serán os mesmos que volvan a dicir “non, non e non”.

Iso si, cada vez que os explotadores aperten algo de máis o pescozo dos galegos ata poñer en perigo a súa supervivencia,

(TAL ACONTECE HOXE NO AGRO GALEGO!)

os de sempre

(HIPÓCRITAS!)

sairán á rúa. Manifestaranse xunto con aqueles que dixeron “SI”, din “SI” e dirán sempre “SI”

(NON FOI ESA A MANIFESTACIÓN DO MERCORES PASADO?).

Un SI a Galiza libre, un SI ao autogoberno, un SI á autodeterminación, un NON á explotación. E volveranse dar as circunstancias para que o pobo galego se manifeste prol da liberdade colectiva (claro que se darán!),  e máis vale que os tercos do “non” digan dunha vez “SI, SI SI”, porque do contrario quen as pasará putas seremos nós, pobres galegos que tan só desexamos vivir dignamente do noso traballo.

REPÚBLICA SOCIALISTAS DE TRABALLADORES GALEGOS.

E sairemos do déja vu constante, da anacronía.

Funcións vitais dun nacionalista

Posted on Marzo 26th, 2008 in GALIZA: Nación by cuartos

Eis as funcións dun nacionalista:

   -agrandarlles o sentimento nacional a aqueles que o descubriron;

   -aos que non o atoparon, facérllelo ver;

   -e demostrarlle a “utilidade” da nación galega a aqueloutros que, lonxe do idealismo romántico, se acubillan no mundo dos cartos.

   Son tres, e non máis, os acometidos que deberan ter.

Bandeira de Galiza