Feed

Ánimo postelectoral

Posted on Marzo 20th, 2009 in Do meu anllar,Eleccións by cuartos

QUIZAIS ME FOSE MELLOR…

 

O día que me levanto

de mala gana,

pensando que este mundo é unha merda

e non ten remedio,

quizais me fose mellor quedar na cama.

 

Eses días nos que ao erguerme

cavilo no sensentido da miña loita

e non vexo máis que “conformistas conformados

con vagas explicacións”,

quizais me fose mellor quedar na cama.

 

Aquelas mañás nas que nada mais abrir o día

penso que todo é unha patraña,

que as cousas foron como son,

e así como son, serán,

se non fose porque estás ao meu carón, amor,

quizais me fose mellor quedar na cama.

 

 

* o día 2 de marzo

se non fose por ti, amor,

quizais me fose mellor quedar na cama.

Aos que votaron a Feijoo

Posted on Marzo 12th, 2009 in Eleccións by cuartos

Cidadáns de dereito que elixistes a Feijoo como presidente da Xunta de Galicia:

Xa chegou o momento.

Xa chegou o momento de regalarlle os nosos ríos ás multinacionais, veña minicentrais, iso si, beneficios para os galegos ningún.

Xa chegou o momento de destruír o plan eólico e quitarlle a concesión ás empresas galegas que pagan aquí os seus impostos, para darllas ás de fóra.

Xa chegou o momento de que o 14% da produción dos parque eólicos en vez de transformarse en impostos (servizos para os galegos) vaia todo para as empresas multinacionais.

Xa chegou o momento de que baixen os impostos, de que llos baixen aos máis ricos. Chegou o momento de que o Estado teña aínda menos cartos, total para que queremos o frouxo Estado do “benestar”?

Xa volveu o momento de que quen goberna Galicia goberne para o resto dos españois.

Xa volveu o a prolongación dos Séculos Escuros, de gobernantes que desprezan a nosa lingua, a nosa cultura. Volven os que pensan que o galego so serve para falar coas vacas (votado por quen falan galego).

Xa volveu o momento de que non haxa ningunha escola infantil na que lles falen aos meniños galego, a lingua de seus pais, a nosa lingua!

Xa volveu o momento de ver na selección galega unha ofensa á unidade da patria española, unha, única e indivisíbel. Volveu o momento de NON ver máis á selección galega.

Xa chegou o momento de que se privaticen máis empresas públicas, máis servizos. Sanidade publica, educación pública, pensións públicas, para que?

Xa volveu o momento de abaratar os despidos.

Xa volveu o momento de investir menos en educación, para que a xente siga sendo unha ignorante e crea todo o que botan na tele, arma de manipulación masiva.

Xa chegou o momento de seguir fabricando traballadores burricáns sen estudos que non sexan protestóns e que voten ao PP. Traballadores sen cualificación que non levantan o país.

Xa volveu o momento de que a xente con ideas, os investigadores teñan que marchar de Galicia porque aquí non poden desenvolver a súa tarefa.

Xa volveu o momento de menosprezar o que facemos aquí, os nosos creadores, músicos, artistas, innovadores, emprendedores.

Xa volveu o momento de que quen se avergoña de ser galego sexa presidente dos galegos.

Xa volveu o momento de deixar que os de fóra decidan na economía de Galicia, para que esta siga sen industrializar e os nosos sectores produtivos vaian aínda máis ao carallo (leite, carne, forestal, naval, pesqueiro, enerxético…).

Xa volveu o momento de que os fondos da unión europea, os impostos se queimen todos exclusivamente en asfaltar cunetas o mes das eleccións.

Xa volveu o momento de que o medio ambiente importe unha merda. Total, para que queremos o medio ambiente se no dá máis que dores de cabeza? Total, parece que non vivimos da natureza, comemos produtos da terra, bebemos auga, respiramos aire, todo canto temos vén da Terra, pero a Terra impórtannos tan pouco.

Seguimos no momento no que mentres teñamos fútbol, roupa para comprar, festa as fins de semana, o demais non importa. Non importa que cada tres segundo morra unha persoa de fame no mundo. Non importa que esquilmemos África, América Latina, deixando os continentes ermos, e esa pobre xente teña que emigrar ao Norte, occidente.

Xa chegou Feijoo.

Xa volveu o PP.

Galicia, Galiza, ese anaco de terra na fin do mundo, perdeu outra oportunidade, e daralle a historia outra máis?

Galicia, Galiza, chora dende o 1 de marzo. Non chove, nin orballa, non son pingas de auga, son bágoas. Galiza chora, a Galicia dóenlle as entrañas. Galicia desfaise de dor. Pois galegos, tédeo claro, cada vez que gaña o PP, cada vez que un goberno españolista chega a Xunta, Galicia perde un cacho, e os galegos son menos galegos e Galicia é menos Galicia. Xa quedan poucos galegos, é iso o que pasa, non pode ser outra cousa. Os que foron votar o 1 de marzo non son galegos, son…, non sei o que son, son outra cousa. Dentro de catro anos igual xa nin existe Galicia, nin os galegos, nin nada… Os galegos rin, quedan tan panchos. Galicia, Galicia chora, os galegos estana matando. Galicia, terra de tantos contrastes, tes os mellores…. e os peores…

Se eses que votaron ao PP son galegos, existiu algunha vez? Existe Galicia? Cada vez téñoo menos claro.

Carta aos votantes do PP

Posted on Febreiro 20th, 2009 in Eleccións,Meu idioma by cuartos

Meus ben estimados votantes do PP que vivides no rural:

Por se non vos decatastes importádeslle unha merda a Núñez Feijoo e aos seus. Pra eles vale máis unha manda de votos das cidades que todos os pepeiros que habitades no rural xuntos (e non sodes poucos!).

Por medo a que catro radicias españolistas de dereitas lle marchen pra U.P.D. (un partido que creou unha exsocialista hai un ano) o PP do Señor Alberte pasa a tacar a lingua que falades TODOS vós, o galego.

O cariño ás persoas demóstrase con pequenos detalles, e este, estaredes dacordo comigo, que é un moi feo.

Xulgade vós mesmos.

Firmados: un rapaza do rural que fala galego

Resultados electorais: análise

Posted on Abril 4th, 2008 in Eleccións by cuartos

10 MARZAL

10 de marzo. Que data é esta, compañeiros? Si, é a xornada postelectoral mais… debera ser o inicio da campaña electoral en Galiza.

“209.042 razóns para que Galiza sexa decisiva”. Tan só 315 razóns máis que hai catro anos. E a iso chamádeslle vitoria? Certo é que o Bng salvouse desta racha de bipartidismo, pero, quen nos di que á seguinte non cae? Conformarse coa estabilidade é abrirlle as portas a unha involución, a un retroceso. Un dato: nestas eleccións ao congreso obtivemos 100.000 votos menos que no 2000, un avance enorme…

Que sucedía a finais dos 90 para que o BNG lograse o mellor resultado electoras da súa historia e se convertera na segunda forza política de Galiza? Que ocorreu naqueles anos para que o BNG conseguira preto de 400.000 votos nas eleccións ao Parlamento galego de 1997?

Compañeiros, busquemos pois, a esencia do BNG de hai dez anos. Non nos acomodemos na actuación institucional. A vitoria lograrémola actuando dende as bases. Mobilizando á militancia de cada un dos 315 municipios de Galiza para que labren en cadanseu concello a semente do nacionalismo galego. Fagamos de Galiza Nova, da UMG as grandes organizacións da mocidade galega. Que estean presentes en todos os institutos. Que non haxa un so centro de educación secundaria ao que non cheguen eses referentes para os moz@s galeg@s.

Volvamos os ollos á Xeración Nós, a eses artífices do Segundo Rexurdimento da Cultura galega. Estendamos, coma eles, en xornais e revistas feitos en cada concello e para cada concello as marabillas do ser galegos, o orgullo de sermos unha nación, a miseria e os problemas que nos envolven e as solucións que propoñemos. Démoslle a pluma á nosa militancia para que acheguen os seus pensamentos, as súas conviccións, para que compartan os problemas e propoñan solucións e fagan un pouco máis galegos a todos os seus veciños.

Dese xeito, irmáns, farémoslle un ben inestimábel a Galiza, ao nacionalismo e, sen dúbida ningunha, ao BNG e aos galegos e galegas.

Non perdamos un so segundo. Os tempos son chegados dos bardos das idades e somos nos os que temos de espertar do seu sono ao fogar de Breogán. Que os nosos berros o esperten axiña non vaia ser que non esperte máis.

ELECCIÓNS 9-M: DEMOCRACIA D.E.P.

Posted on Marzo 10th, 2008 in Eleccións by cuartos

                                                       A SRA. DEMOCRACIA D.E.P. 

   A Sra. Democracia, filla do pluralismo político (Art. 1 da Constitución de 1978), tras unha dolorosa agonía, morreu o 9-M a caus dun bipartidismo crónico. D.E.P. Os contrarios ao pensamento único danlle as máis expresivas gracias aos votantes dos partidos minoritarios polas súas mostras de dor.

APOLOXÍA POLÍTICA GALEGA

Posted on Marzo 3rd, 2008 in Eleccións by cuartos

   Galego. Queiras ou non es galego. Galiza. Gústeche ou non vives na Galiza. Político. Es un animal político. Non votes, votes a Xan, votes a Roque, é unha decisión política. Pensa no que se loitou para conseguir o dereito a voto. Vas desprezalo? Vota. “Pero os políticos son todos iguais!”. Mentira! Iguais non, parecidos. Vota.

   E dime, vas votar aos partidos estatais? Bótaos, non te representan, non te defenden.  Non os votes. Hai máis cores que o branco e negro. Non todo é rosa ou gaivota.  “E logo a quen hei votar? Ao Bloque Nacionalista Galego?… É que eu non son nacionalista”. E iso que importa.

   Galego. Queiras ou non es galego. Galiza. Gústeche ou non vives na Galiza. Tes os mesmos problemas ca min, adoecemos do mesmo:

            -déficit de infraestruturas (cal foi o último lugar ao que chegou o ferrocarril?… e a historia estase repetindo co Ave, ou non?),

            -bloqueo dos nosos sectores produtivos (construción naval, sector agrario…),        -avance na privatización do ensino público,

            -impedimentos para acadar a normalización lingüística,

            -necesidade do traspaso de competencias ao Goberno de Galiza (tráfico, salvamento marítimo [sabes cantas persoas faleceron no mar desde o que vai de ano? 14. Lembra o Prestige. Paréceche que dende Madrid xestionan ben a nosa costa?], seguridade viaria), etc.

   Aínda que non cho pareza as decisión que se toman no Parlamento español aféctanos, e moito. Vota ao PSOE-PP e haberá uns cantos deputados lambéndolle o cu aos seus respectivos presidentes de partido Zapatero e Rajoy.  Vota o BNG e terás deputados fieis aos intereses de Galiza e do pobo galego, con criterio independente, pensando en Galiza e pensando nos galegos, defendendo os nosos dereitos como pobo, reclamando melloras para a nosa nación. Vota ao PSOE-PP e terás uns deputados-servos de Zapatero e Rajoy. Vota ao BNG e terás uns deputados-servos de Galiza, que non teñen máis amo que o pobo galego.

   Chegou o momento da decisión. O futuro, a historia estala a escribir neste momento. Son as decisións individuais dos cidadáns transformadas en vontade xeneral asque gobernan a historia e deciden o futuro. Decide, escolle. E se non te convenzo arreda do bipartidismo, vota a Esquerda Unida.

  

BNG                                                                                           Galiza NovaBloque Nacionalista Galego                                                                      Organización xuvenil do BNGwww.bng-galiza.org                                                                 www.galizanova.org                                                                                                                                           

Eleccións

Posted on Febreiro 25th, 2008 in Eleccións by cuartos

   As elecións non se gañan en quince días nin nun mes, compañeiros. Nese tempo gáñanas que xa as tiña gañado catro anos antes. Os outros, temos que traballar arreo catro anos.

   As elecións non se gañan só facendo políticas dende a Xunta ou desde os municipios, senón coa suor diaria de cada militante alí onde este rebula no seu día a día. E esa suor ten que se o quecemento para o duro exercicio do poder. Se non é asi… Mal vamos!