Feed

Elitismo no BNG

Posted on Maio 26th, 2009 in BNG,Política by cuartos

Vimos oíndo, principalmente de boca da UPG e do quintanismo, que esta asemblea foi histórica e que se caracterizou pola alta participación da militancia. Máis de 5.000 militantes, din, estiveron nas asembleas comarcais.
Os que estamos no BNG non estamos aí por cartos, nin por prestixio persoal, nin por intereses económicos. Estamos no BNG porque queremos participar na vida social e cremos que o BNG é o mellor instrumento co que exercer a participación política.
Agora ben, a que lle chaman eles participación? A venderse a unha lista de delegados e votar nunha asemblea comarcal? A facer unha presentación-rexeitamento automático de emendas nas asembleas comarcais e na nacional? A votar unha candidatura ao consello nacional e outra á executiva? Polas súas palabras, e tamén polos seus feitos, parece que a participación é SO votar.
Pois logo para que militamos no BNG? Votémolo en cada proceso electoral e xa está, xa “participamos”, parécelles ben? Obviamente a participación ten esta compoñente, a de votar nunhas eleccións. Pero os que a reducen a isto teñen un nome: ELITISTAS. Seguindo a súa lóxica a democracia quedaría reducida a “un mecanismo para elixir e autorizar gobernos, non para promover e desenvolver a dimensión social dos individuos”.
Elitistas, tende clara unha cousa: como isto siga así máis tempo, como sigades convertendo o Bloque nun instrumento de participación social ineficaz, pode que dentro duns anos quededes vós sos. Outras organizacións poden vivir no elitismo porque teñen un poder económico que as respalde. Agora ben, o BNG so ten a forza de traballo dos militantes, como esta desapareza, en que quedará o Bloque?

CLASE POLÍTICA vs. POBO

Posted on Maio 11th, 2009 in BNG,Do meu anllar,Hoxe,Política by cuartos

A política… velaquí tendes a política. Este vello leproso nobre escocés que quere que o seu fillo se converta no próximo rei de Inglaterra, aínda que para iso teña que traizoar ao pobo escocés. Ambición, poder. Esa é a clase política, a política en estado puro.

braveheart2

O fillo do nobre representa os políticos que queren estar co pobo. Triste vida levan debatendo entre un bando ou outro. Ao final acaba gañando a súa condición, acaban atrapados nela, como acabou este. Abonda ver como olla ao “pobo”, como mira para aquel que traizoou.

Braveheart

O guía do pobo enganado pola política. Esa mirada deixa ver a frustración, o guía do pobo confiou na clase política. Á hora da verdade a clase política volveuse contra o pobo. William Wallace viña do pobo, estaba con el, sufría e festexaba no pobo, e co pobo morreu.

braveheart3

O pobo co líder e o líder co pobo avanzando xuntos na revolución.braverheartfreedom

E eu? Eu.. farto, canso desa trapalleira, da puta, da política. Ámbito no que está todo cantado (Asemblea Nacional Extraordinaria) asemblea-CONGRESO  amañado onde non había moito que facer. As decisións viñan de arriba e nós so podiamos asentir, dicir si, moi ben, perfecto. Debate de ideas? Eu non o vin. A política era a que reinaba alí, o vello leproso loitando polo poder interno, ambición, poder, votacións… O pobo, os guías do pobo, os que confiamos na política… en fin. Conclusións: saír a estar co pobo e esquecerse un pouco dese vello leproso, desa trapalleira, da puta, da política.

BNG=Casa? Non

Posted on Abril 13th, 2009 in BNG,GALIZA: Nación,Hoxe by cuartos

BNG=Casa? Non.
Moitos, como algunha destacada personalidade nacionalista, refírense ao BNG como “a casa común de todos os nacionalistas”. Para empezar, non estou de acordo con esta definición. Vexamos que hai detrás da “casa”.
Non estou de acordo porque o BNG naceu como un instrumento dun sector da poboación galega (non expresamente nacionalista) comprometida co mundo no que vivía. O BNG naceu como instrumento para cambiar a realidade. Na actualidade, pola contra, moitos xa o consideran un “fin”en si mesmo. Este cambio de concepción explica o “estático” do BNG. Explica tamén que se chegase ás veces a un “ideoloxismo” e a un culto ao partido, lembrando incluso ao “obcecamento relixioso”.
O BNG cando naceu non era un partido. O BNG meteuse dentro do sistema e converteuse nun partido político. E claro está, os obxectivos mudan, o obxectivo agora é “chegar ao goberno para facer políticas transformadoras”. O BNG saiuse do seu ámbito, perdeu a súa orixinalidade e xa vemos que ben lle vai, e lle irá.
O BNG converteuse nun instrumento inútil, e sinto dicilo, moito me temo que nunca recupere a súa utilidade, así que cidadáns comprometidos, mocidade comprometida (vós que sodes o futuro) ide creando o voso propio instrumento se queredes deixar pegada no mundo e mirade para os erros dos que vos precederon. Lembrade:
“ Da xuntanza vén a forza, e da forza, o trunfo”