Feed

SER

Posted on novembro 19th, 2009 in Do meu anllar by cuartos

Estaba a piques de rematar

aquel día insignificante.

Era un día común

dunha terra calquera

nun ano indeterminado.

A todo isto,

eu son un humano xenérico.

Naquel instante insignificante,

naquel momento común,

indeterminado,

xenérico,

vino.

Alí estaba,

envolto pola áurea do atardecer.

Alí estaba,

rebosando experiencia e sabedoría.

-Eu son todo e non son nada,

(comezou a dicir),

eu son unha forza.

A forza que venceu o repouso total.

Eu son a causa.

O ser pode deixar de ser,

pode ser esquecido,

pero a forza vivirá por sempre.

A forza

é inmortal,

vive eternamente

nos efectos

que son consecuencia dela.

Mira, eu non son nada,

pero todo o que ves,

todo o que é,

poder ser porque houbo antes unha causa,

unha forza que puxo a maquinaria a funcionar.

E ti quen ves sendo? –preguntoume.

E eu, que non era nada,

decidín daquela

ser forza, ser causa.

CarballihoBAMA-crueceiro

Estado de excepción, estado de sitio e estado de alarma

Posted on novembro 9th, 2009 in Política by cuartos

ESTADO DE EXCEPCIÓN, ESTADO DE SITIO E ESTADO DE ALARMA

Son moitas as veces que oímos ou empregamos as palabras estado de excepción, estado de sitio ou estado de alarma, pero sabemos realmente que queren dicir? Sabemos que dereitos poden suspenderse en cada unha destas situacións? Esta recompilación (tomada duns apuntes para oposicións) pretende clarificar estes conceptos.

É no capítulo V da Constitución Española, “Da suspensión dos Dereitos e Liberdades”, artigo 55,  e no artigo 116 onde se trata este asunto.

DEREITOS QUE PODEN SUSPENDERSE EN ESTADO DE EXCEPCIÓN:

Art.17.1: Dº á liberdade e á seguridade persoal.

Art.17.2: Dº a que a detención preventiva non supere as 72 horas.

Art.17.4: Dº de “habeas corpus”.

Art 18.2: Dº á inviolabilidade do domicilio.

Art 18.3: Dº ao secreto das comunicacións.

Art.19: Os dereitos de libre elección de residencia, de liberdade de circulación e de liberade de entrada e saída de España.

Art.20.1,a): A liberdade de expresión e difusión do pensamento.

Art.20.1,d): O dereito a comunicar ou recibir libremente información e o dº á cláusula de conciencia.

Art20.5: A garantía xudicial do secuestro previo de publicacións.

Art.21.1: O dº de reunión pacífica.

Art.21.2: O dº de manifestación.

Art.28.2: O dº de folga.

Art.37.2: O dº de traballadores e empresarios a adoptar medidas de conflito colectivo.

“O estado de excepción será declarado polo Goberno mediante decreto acordado no Consello de Ministros, previa autorización do Congreso dos Deputados. A autorización e proclamación do estado de excepción deberá determinar expresamente os efectos do mesmo, o ámbito territorial  ao que se estende e a súa duración, que non poderá superar os trinta días prorrogábeis por outro prazo igual, cos mesmos requisitos.” (Art.116.3)

ESTADO DE SITIO

Poden ser suspendidos todos os dereitos mencionados en relación co estado de excepción e ademais os dereitos e garantías xudiciais que o artigo 17.3 recoñece a toda persoa.

“O estado de sitio será declarado pola maioría absoluta do Congreso dos Deputados, a proposta exclusiva do Goberno. O Congreso determinará o seu ámbito territorial, duración e condicións.” (Art.116.4)

ESTADO DE ALARMA

En estado de alarma NON se pode suspender ningún dereito. “Este será declarado polo Goberno mediante Decreto acordado no Consello de Ministros por un prazo máximo de quince días, avisando ao Congreso dos Deputados, reunido inmediatamente ao efecto e sen cuxa autorización non se poderá prorrogar ese prazo. O decreto determinará o ámbito territorial ao que se estenden os efectos da declaración.” (Art.116.2)

Ademais o artigo 116 comenta:

“Non poderá procederse á disolución do Congreso mentres estean declarados algúns destes tres testados, quedando automaticamente convocadas as Cámaras e non estivesen en período de sesións. O seu funcionamento, así coma o dos demais poderes constitucionais do Estado, non poderán interromperse durante a vixencia destes estados. Disolto o Congreso ou expirado o seu mandato, se se produciran algunha das situacións que dan lugar a calquera destes estados, as competencias do Congreso serán asumidas pola súa Deputación Permanente.” (Art.116.5)

“A declaración dos estados de alarma, de excepción e de sitio non modificarán o principio de responsabilidade do Goberno e dos seus axentes recoñecidos na Constitución e nas leis.” (Art.116.6)

Libro recomendado

Posted on novembro 3rd, 2009 in Meu idioma by cuartos

Porque se lle dedicou o día das Letras este ano.

Porque hai un descoñecemento enorme de como da “nada” da posguerra xurdiu todo o que é a cultura galega hoxe.

Porque quero, gosto e dame a gana de recomendar este tocho de libro (400 páxinas) que se le moi ben:

Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, de Xesús Alonso Montero (Ed. Galaxia)