Feed

Irmáns (Celso Emilio Ferreiro)

Posted on abril 29th, 2008 in Grandes debulladores by cuartos

IRMÁNS __ Celso Emilio Ferreiro
(“Longa noite de pedra”, 1962)

Camiñan ó meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estraños.
Pero ti, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmau che falo.
Se é tua a miña noite,
se choran os meus ollos o teu pranto,
se os nosos berros son iguais,
coma un irmáu che falo.
Anque as nosas palabras sexan distintas,
e tí negro e eu branco,
se temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
se os nosos soños son iguais,
coma un irmáu che falo.
Común témos a patria,
común a loita, ambos,
a miña man che dou,
coma un irmáu che falo.

www.galespa.com.ar/FERREIRO_irmans.htm

As Candeas

Posted on abril 7th, 2008 in Do meu anllar by cuartos

AS CANDEAS
Todos os anos ía á misa da Candeloria. Todos, non faltaba un. Ía coa miña candea oír misa. E coma min outros tantos. Tiñamos as candeas acesas toda a misa. Non as apagaba ninguén ata que o cura facías as reverencias e se escondía na sancristía. Eu tiña un irmán máis vello que morreu nadamais nacer. Morreu sen bautizar. Está o pobre no limbo dos xustos. Alí están, os malpocados, sen veren a luz do sol, nin a claridade do luar nin tan sequera o escintilar das estrelas nas noites de verán. Escuridade. Sombras. Penumbras. Só andar ás tentas, ás apalpadas. Negro destino.
Mentres vivía Deus-perdoe-a-mi-madre iamos sempre as dúas con cadansúa candea. Nai e filla a alumar a fillo e irmán. Agora ía eu soa. Non perdía o día da Candeloria por nada do mundo. Atentoume o demo ese ano. Si, o dos cornos. Foi el, quen ía ser se non? O caso é que saín coa candeíña no peto. Cara a igrexa ía eu. Ía á misa das sete da tarde. Ai, tivo que ser o demo! Ía no peto. Claro que ía! Non a ía levar!? Unha candeíña, nova do trinque, mercada aquel ano. Ir ía… pero non chegou. Non preguntes como, o caso é que ao chegar alá non estaba. Déronme ganas de chorar. Meu irmanciño, meu irmán, non vas ter luz este ano!
Tocan as dúas. Entro. Todos, non faltaba un. Todos con cadansúa candea. Todos… menos eu. Acabou a misa. Non enredei con ninguén Era xa noite pecha e marchei decontado para a casa. Inda non empezara a andar e xa sentía os cadrís. Auga, non andaba moi lonxe. O inverno aínda non marchaba, quedaran as tempas de abaixo.
Abrín a porta, entrei, estaba escuro. Prendín a luz. Fun á cociña, petisquei algo, non tiña moita fame. Pechei a porta da cociña. Uuuu! O vento asubía entre as arbores e as tellas. Subo as escaleiras paseniñamente. Un forte resplandor. Paro. Espero un pouco. Bruumm! Andan as patacas no faiado. Chego arriba. Comeza a chover, entro no cuarto, pouso a chaqueta. Chove máis forte. Cacho día de inverno! Métome na cama e acóchome ben. Vai frío. Que noite de inverno. Dou unha volta, dou outra. Durmo…
…Unha luz, unha luz pequerrechiña, unha luz coma de lucerna. Unha luz rara, estraña, nunca vista entra no cuarto. Unha luz coma de vagalume. Érgome. A luz… A luz como se fose cousa do demo vén cara min. Un neno, un bebé envolto nun resplandor áureo…
—Quen vai?
O vento entoa unha cántiga mortuoria. Bátense as ventás. Meu irmán non anda ledo.
—Irmanciño, que fas?
Acércase máis e máis. Un corvo berra ao lonxe, danme arrepíos. Trae algo na man, na manciña súa. Un pao, un garabullo, un alfinete, algo! Volvo tremer. Pero… por que se é o meu neniño!?
—Perdoa, perdoa! Ai meu neniño! — berro desesperada.
Pero el non oe, segue andando. (Andando?) Anda e anda. Non anda, voa, voa. Entre a negrura aluméanlle os ollos coma dúas cacharelas. Bríllanlle os ollos coa rabia, quere vinganza.
—¡Irmán non!
Quéimanme as muxicas. Xa está diante miña. Bótame o alento. Coa mesma, agarra o garabullo con ganas e sen pensalo máis espétamo nas meniñas dos ollos. Primeiro unha, despois outra.
Un bramido. O tempo detense, escampa. O vento escoita.
—Aaaa! Aaaa! Meus ollos! Meus olliños!
Unha, dúas pingas. Dous regos de sangue. Dous regos de choros. O sangue escorre pola face abaixo. As bágoas asolagan o cuarto. Meu irmán rise das miñas sanguentas bágoas.
—Unha candea! Por unha candea, irmán! A sorte máis grande foi que morreras. Non tes corazón!
Quedaba eu agora soa, condenada polo ceo, castigada polo limbo. Condenada á escuridade, ás infernais tebras. Meu irmán íase a modiño, cantando. Marchaba ledo. Sentía os pasos, as pingas de sangue caer da inocente arma fratricida, o arrastrarse do seu corpo, da súa alma. Alma en pena. Pena a miña. Escuridade, resignación, dor. Dor dos ollos, espello da alma. Alma… alma esnaquizada. Espello escachado. Negrura, resignación, dor. As concas, agora baleiras, choraban un pranto lamaguento de sangue fratricida. Escuridade, negrura, resignación estoica, dor.
Un chispazo. Brummm! Levántome de golpe. Miro o reloxo. As tres. Toco os ollos, un, o outro. Nin bágoas, nin sangue, nin dor. Están no seu sitio. “Irmán, irmán”. Déitome, unha volta, outra. Durmo…

Resultados electorais: análise

Posted on abril 4th, 2008 in Eleccións by cuartos

10 MARZAL

10 de marzo. Que data é esta, compañeiros? Si, é a xornada postelectoral mais… debera ser o inicio da campaña electoral en Galiza.

“209.042 razóns para que Galiza sexa decisiva”. Tan só 315 razóns máis que hai catro anos. E a iso chamádeslle vitoria? Certo é que o Bng salvouse desta racha de bipartidismo, pero, quen nos di que á seguinte non cae? Conformarse coa estabilidade é abrirlle as portas a unha involución, a un retroceso. Un dato: nestas eleccións ao congreso obtivemos 100.000 votos menos que no 2000, un avance enorme…

Que sucedía a finais dos 90 para que o BNG lograse o mellor resultado electoras da súa historia e se convertera na segunda forza política de Galiza? Que ocorreu naqueles anos para que o BNG conseguira preto de 400.000 votos nas eleccións ao Parlamento galego de 1997?

Compañeiros, busquemos pois, a esencia do BNG de hai dez anos. Non nos acomodemos na actuación institucional. A vitoria lograrémola actuando dende as bases. Mobilizando á militancia de cada un dos 315 municipios de Galiza para que labren en cadanseu concello a semente do nacionalismo galego. Fagamos de Galiza Nova, da UMG as grandes organizacións da mocidade galega. Que estean presentes en todos os institutos. Que non haxa un so centro de educación secundaria ao que non cheguen eses referentes para os moz@s  

Volvamos os ollos á Xeración Nós, a eses artífices do Segundo Rexurdimento da Cultura galega. Estendamos, coma eles, en xornais e revistas feitos en cada concello e para cada concello as marabillas do ser galegos, o orgullo de sermos unha nación, a miseria e os problemas que nos envolven e as solucións que propoñemos. Démoslle a pluma á nosa militancia para que acheguen os seus pensamentos, as súas conviccións, para que compartan os problemas e propoñan solucións e fagan un pouco máis galegos a todos os seus veciños.

Dese xeito, irmáns, farémoslle un ben inestimábel a Galiza, ao nacionalismo e, sen dúbida ningunha, ao BNG e aos galegos e galegas.

Non perdamos un so segundo. Os tempos son chegados dos bardos das idades e somos nos os que temos de espertar do seu sono ao fogar de Breogán. Que os nosos berros o esperten axiña non vaia ser que non esperte máis.