Aa mortes lentas mancan menos. Vai dando tempo a afacerse e desembocan nun pasamento tan suave como cando nos cubrimos os ombros co edredón para durmir. Todo isto vai pasando co sector lácteo: vai esmorecendo e calquera día saltará coma cando estoupa a resistencia dunha bombilla. Despois virá o silencio. Non será algo tan ecoloxicamente ostentoso como as estensas manchas negras que nos enzoufaron as costas, que taparon rochas, coídos e praias da noite para a mañá. De cando Mangouras (el cumpriu as obrigas que aprendemos en Conrad: salvar tripulación e barco), lembro os berros, as protestas, as bandeiras, os libros, os documentais…. e logo o silencio que auguraba Hamlet. Non leo escritor nin miro actor nin sinto músico algún argallando a Marea Branca para protestar contra a previsible inanición do noso campo. O seu silencio lémbranme a cando Heidegger rexeitou unha cátedra filosófica en Berlín para ficar nos lameiros verdes de Friburgo, que el miraba «cos ollos do hóspede ou do veraneante». Cando menos o pensador vivía entre os labregos, pero o agro segue sen noticias dos creadores galegos. Deben de ser como o reloxo que funcionaba por veces si e por veces non. «Ten días», dicía o propietario. Estes teñen causas.
E cando espertei do soño ela xa non estaba. Desaparecera para sempre, para non volver nunca máis. Todo o que vivira con ela, todo quedesfrutara nela era iso, un soño. Levaba toda a miña vida vivindo nun soño! E agora xa non sei se quero espertar e poñer os pés na terra ou volver para cama, adormecer coa “Cantiga de berce” de Fuxan os ventos e intentar volver ao soño, para estar outra vez alí, para estar outra vez con ela: Galiza.
Espertei e vin a toda a xente falando castelán. Vin nais e pais que poñían en enquisas que preferían o inglés antes que o galego para os seus fillos. Vin xente desprezando a súa cultura. Vin gobernantes que teiman destruír as poucas sinais de identidade que nos quedan. Vin, vin que realmente estaba vivindo en Galicia, unha rexión máis España, un lugar do montón, coma outro calquera. E daquela derrubeime e comecei a chorar. Chorar como non fixera antes, porque espertara e sabía ben que o soño era iso, un soño, e nunca máis estaría alí, en Galiza.
Sabía que nunca máis estaría con ela, nin que desfrutaría máis da súa lingua, dos seus beizos, dos seus peitos, dela.Sabía que endexamais me riría cos seus contos retranqueiros, nin me faría cóxegas na orella. Sabía que non me espertaría máis polas mañás coas alboradas dos paxaros, sabía que non oiría máis o cuco saír do cubil entre marzo e abril. Sabía, sabía que todo pasara, e que non volvería máis. Realmente non pasara, estaba todo na miña cabeza. Pero era tan real… e aquí sigo, chorando sen saber que facer. Soñar ou non soñar, velaí a cuestión!
Posted on xuño 11th, 2009 in Meu idioma by cuartos
Dende hai uns meses está prendendo unha chama no pobo galego. Cando os gobernantes e representantes na “rexión” galega do españolismo están facendo o posíbel e imposíbel para arrancarnos o cerne da nosa existencia, a lingua comezan a saltar muxicas.
Manifestación histórica en Compostela, manifestos dende todos os lugares: A Mesa, Sindicatos de todas as cores, organizacións de profesores, de estudantes, de directores de institutos. Na universidade, científicos galegos do CERN en Xenebra, Colexio Oficial de Psicologos, na rede…. O PSdG-PSOE parece que tamen se está poñendo as pilas co tema…
Que estas lapas se unan nunha gran fogueira é cousa nosa. Que a chama prenda para que ardan no lume do inferno, se é que existe, os que nos queren roubar a nosa lingua, os que queren destruír o pobo galego, os que nos queren deixar sen memoria. Por que se matar unha persoa é pecado, matar un pobo…
Da xuntanza vén a forza, e da forza,, o trunfo. ADIANTE!
Posted on xuño 10th, 2009 in Meu idioma by cuartos
Parece mentira que a estas alturas da película a consulta que se faga aos pais sexa coa idea de a ver cantos hai que rexeitan o galego coma nós para ter unha escusa á hora de redactar un novo decreto que castelanice aínda máis o ensino”.
Agora o preciso é un pacto social, un compromiso de toda a sociedade galega, toda. Un pacto social ao estilo do contrato social rousseouniano. Un pacto no que nós galegas e galegos decidamos o futuro da nosa lingua.
No estado de natureza os galegos non eran felices pois diariamente debatían entre usar a lingua propia da súa terra, o galego, ou o castelán. No estado de natureza había continuas liortas entre os partidarios de vivir en galego e os que pensaban que esta lingua era inútil. A situación empeorou coa chegada á escena de plataformas coma Galicia Bilingüe e co avanzo dun discurso no estado español contrario ás linguas e culturas minoritarias (UPyD). Para empeorar aínda máis as cousas o partido máis votado nesta terra, o Partido Popular, asumiu coma propias estas ideas e dende o goberno da Xunta dedicouse a facer políticas contrarias á normalización do galego. Tal e como estaban as cousas no estado de natureza o galego deixaría de ser lingua maioritaria na seguinte xeración e nuns cen anos case non quedarían falantes.
Tal era a situación que vivía a nosa terra e padecía a nosa xente no estado de natureza. Ante isto os habitantes desta terra deciden xuntarse en asemblea e construír este pacto, o contrato social sobre a lingua, o pacto lingüístico, que guiaría o proceso de regaleguización da sociedade.
“24 de outubro. Estes días estou intentando falar máis galego na casa. Meu pai dime que falo máis galego ultimamente e iso faime sentir ben comigo mesma porque é coma un premio persoal.” (Patricia Fernández) Así comeza un capítulo de Ben faldo!
Mentres ese pacto social maioritario e tan preciso non se materializa, a que agardas?Asina o “manifesto” individualmente. Galeguízate ti para galeguizar a sociedade. Fai como relataba esa moza no Diario Lingüístico. Comeza a falar galego para non deixar de falar nunca esa fermosa lingua. O pacto comeza en ti, en min, en nós, vai sendo hora de asinalo.
Para saber máis sobre o Diario Lingüístico, iniciativa normalizadora no IES Rodeira, faga click na seguinte ligazón
Hai alguén que aínda dubide da existencia da loita de clase, do conflito de clase?
Pois eses incrédulos que se paseen un día coma hoxe por Vigo, un día no que estean de folga os do Metal. Que se paseen pola cidade e vexan a loita campal entre os traballadores e os representantes do empresariado-Estado, os antidisturbios. Que dean unha volta e daquela verán e crerán, coma San Tomé, que non creeu na resurreción ata que meteu as mans no costado de Cristo.
Isto igual, incrédulos: ver para crer. Os que xa tiñamos “fe”, ver para reafirmarnos aínda máis.
Posted on maio 26th, 2009 in BNG, Política by cuartos
Vimos oíndo, principalmente de boca da UPG e do quintanismo, que esta asemblea foi histórica e que se caracterizou pola alta participación da militancia. Máis de 5.000 militantes, din, estiveron nas asembleas comarcais.
Os que estamos no BNG non estamos aí por cartos, nin por prestixio persoal, nin por intereses económicos. Estamos no BNG porque queremos participar na vida social e cremos que o BNG é o mellor instrumento co que exercer a participación política.
Agora ben, a que lle chaman eles participación? A venderse a unha lista de delegados e votar nunha asemblea comarcal? A facer unha presentación-rexeitamento automático de emendas nas asembleas comarcais e na nacional? A votar unha candidatura ao consello nacional e outra á executiva? Polas súas palabras, e tamén polos seus feitos, parece que a participación é SO votar.
Pois logo para que militamos no BNG? Votémolo en cada proceso electoral e xa está, xa “participamos”, parécelles ben? Obviamente a participación ten esta compoñente, a de votar nunhas eleccións. Pero os que a reducen a isto teñen un nome: ELITISTAS. Seguindo a súa lóxica a democracia quedaría reducida a “un mecanismo para elixir e autorizar gobernos, non para promover e desenvolver a dimensión social dos individuos”.
Elitistas, tende clara unha cousa: como isto siga así máis tempo, como sigades convertendo o Bloque nun instrumento de participación social ineficaz, pode que dentro duns anos quededes vós sos. Outras organizacións poden vivir no elitismo porque teñen un poder económico que as respalde. Agora ben, o BNG so ten a forza de traballo dos militantes, como esta desapareza, en que quedará o Bloque?
Digo unha cousa: Galiza non morrerá, o pobo galego non morrerá. Pois Galiza e o pobo galego son a expresión actual da Resistencia do Finis Terrae, e esta é eterna. A Resistencia do Finis Terrae é un fénix, paxaro de lume que nace, medra, morre ardendo e queda convertido en cinsas. Mais, desa cinsa volve a nacer o paxaro ancestral, o fénix nunca morre.
E que somos nós? Que é Galiza e o pobo galego? Pois somos ese fénix, somos a Resistencia do Finis Terrae desta época. Pode que desapareza Galiza e os habitantes deste anaco de terra xa non se expresen nesta lingua milenaria. Pero tranquilos, axiña se erguerán outras voces críticas que aman ese anaco de terra no que viven, o Finis Terrae. Axiña se ereguerán voces que piden xustiza social e loitan contra a opresión. Axiña ha renacer o fénix, a Resistencia. Cambian os tempos, mudan os nomes, as persoas morren. Aínda así algo fica estático. No sentir da xente vai a semente, no sentir das xeracións vai a cinsa do fénix. E tede por seguro que as cinsas prenderán e coa luz e calor dese lume a xente converterase en pobo, as cinsas, en fénix e este resucitará, resucitará a Resistencia do Finis Terrae.
Vexamos logo como se presentou aResistencia dende que o pasado que coñecemos.
***Galicia prerromana: os castrexos non se renden, Monte Medulio.
***Gallaecia e o primeiro reino de Europa: Suevia.
***Reino de Galicia. Revoltas irmandiñas, intentos de nobreza galega de non perderen peso político.
***Galicia-Galiza contemporánea: provincialismo, rexionalismo nacionalismo. O Rexurdimento das nosas letras, pronunciamentos liberais de corte provincialista e rexionalista (os mártires de Carral). Comezos do século XX: nacionalismo, Estatuto de Autonomía. Anos sesenta: a nación galega non esmoreceu, o nacionalismo volta á rúa. Democracia e autonomía ata 2001: o nacionalismo sobe e sobe no pazo do Hórreo. 2002: Nunca máis…
Compostela, domingo 17 de maio de 2009, caen chuzos de punta, autoestradas colapsadas: o fogar de Breogán esperta. Manifestación histórica: na praza da Quintana non collía unha agulla e aínda había xente saíndo da Alameda (de alí saía a manifestación) que aínda tiña que ir cara o centro (preto do parlamento) e subir pola rúa do Vilar cara a Quintana. A praza encheuse dúas veces para ler o manifesto.
O fénix estábase apagando, o pobo galego estaba morrendo, a expresión actual da Resistencia do Finis Terrae estaba desaparecendo. Pero o 17 de maio de 2009 en Compostela prodúcese un feito histórico. Compostela outra vez máis demostrou a súa capitalidade. E hoxe o pobo galego vólvese a unir para demostrarlle a aqueles que o queren matar silenciosamente que AQUÍ ESTAMOS e AQUÍ ESTAREMOS: Sempre en Galiza, sempre en galego.
E se algún día todo isto desaparece (cousa que non vai ocorrer) algo novo virá, algo precioso coma isto. Outro pobo e outra xente expresándose noutra lingua (quizais inexistente polo de agora), a futura expresión da Resistencia do Finis Terrae.
Galiza existe, o fénix vive, o galego fálase. Non deixar que se apague o lume,a loitar pobo!
NOTA: sei que de aquí poden saír interpretacións moi reviradas, o concepto ese ficticio da Resistencia ten que ser revisado. Isto é unha fábula, non o vaia tomar o persoal ao pé da letra.
Posted on maio 15th, 2009 in Hoxe, Meu idioma by cuartos
O galego que non fala
Na lingua da súa terra
Non sabe o que ten de seu
Nin é merecente dela.
(”Da Vella Roseira”, Victoriano Taibo)
Mañá 17 de maio celebraremos o Día das Letras Galegas manifestándonos en Compotela en defensa do noso idioma. Poque o galego é a nosa columna vertebral, o idioma que nos une. Vén canda nós, para expresarmos todas e todos xuntos que queremos vivir en galego.
Que está ocorrendo co galego, cos galegos, con Galiza? Pois o seguinte:
-Os grandes poderes económicos estatais españolistas e fundacións coma FAES apoiados por partidos coma PP e UPyD: “vamos acabar cos nacionalismos perifericos da península”. “Cal é destes o pobo máis débil?” “O Galego” “Pois imos acabar coa súa pouca identidade para que non exista alí nacionalismo, para que deixen de reclamar nada e deixen de seren galegas e galegos” “Cal é o elemento que lles dá máis cohesión” “O idioma” “Pois vamos facer que se asocien cousas negativas ao seu idioma, ou era dialecto?, e que deixen de quererlle. Vamos facer que crean que o galego se impón, que non lles serve para nada. Vamos lle meter aínda máis castelán”
E o resto xa o sabedes: Galicia Bilingüe, cambio de rumbo do PPdG e … os galegos que nos damos conta disto alí estaremos, o 17 EN COMPOSTELA, porque somos galegos, porque falamos galego.
E aquí estou eu apoiando a iniciativa de Blogues pola Lingua.
Posted on maio 14th, 2009 in Antisistema by cuartos
Para os que queren acabar con este sistema capitalista, mirade dous exemplos de entender a relación coa política e co sistema que queres destruír, dous exemplos a non seguir.
-os anarquistas intentaron acabar co sistema sen meterse nel, non quixeron fundar un partido político e acabar co sistema capitalista dende dentro. Historicamente pouco conseguiron.
-os comunistas crearon partidos políticos, introducíronse no sistema e acabaron con el, lograron o seu obxectivo. Iso si, o sistema que instauraron deixa moito que desexar…
Cal é logo o camiño?
Pois nin o dos anarquistas nin o dos comunistas, como diría Aristóteles, o “termo medio”. Grupos antisistema, non vos volvades políticos coma os comunistas. Os políticos son os administradores da orde actual e non van estar co pobo cando este queira construír un mundo máis xusto. Ademais, estando no poder vas instaurar un novo sistema pensando no pobo, ou pensando no teu beneficio? Este foi o fallo dos comunistas. Agora ben, intentar acabar con este sistema opresor coas túas propias forzas… difícil. Que facer entón?
O camiño podería ser o seguinte. Non se meter na sucia política, porque quen está con ela non está co pobo. Non manchar as mans na política, pero deixar que outros as manchen. Que quero dicir, fai falta ter algún partido cómplice no sistema, algún vello coñecido. Non se relacionar moito con el, apoialo electoralmente cando non haxa outro mellor, non confiar nel (é un partido e está para o que está). É dicir, votar ao menos malo. Actuar ao marxe da política pero ao mesmo tempo non lle restar importancia.Non é o mesmo que estea no poder un político que vaia a machacarte que outro que aínda que non te defenda sexa máis permisivo e receptivo cara as túas ideas.
Conclusión: a eficacia dos comunistas coa humildade dos anarquistas, esa é a mellor solución.
A política… velaquí tendes a política. Este vello leproso nobre escocés que quere que o seu fillo se converta no próximo rei de Inglaterra, aínda que para iso teña que traizoar ao pobo escocés. Ambición, poder. Esa é a clase política, a política en estado puro.
O fillo do nobre representa os políticos que queren estar co pobo. Triste vida levan debatendo entre un bando ou outro. Ao final acaba gañando a súa condición, acaban atrapados nela, como acabou este. Abonda ver como olla ao “pobo”, como mira para aquel que traizoou.
O guía do pobo enganado pola política. Esa mirada deixa ver a frustración, o guía do pobo confiou na clase política. Á hora da verdade a clase política volveuse contra o pobo. William Wallace viña do pobo, estaba con el, sufría e festexaba no pobo, e co pobo morreu.
O pobo co líder e o líder co pobo avanzando xuntos na revolución.
E eu? Eu.. farto, canso desa trapalleira, da puta, da política. Ámbito no que está todo cantado (Asemblea Nacional Extraordinaria) asemblea-CONGRESO amañado onde non había moito que facer. As decisións viñan de arriba e nós so podiamos asentir, dicir si, moi ben, perfecto. Debate de ideas? Eu non o vin. A política era a que reinaba alí, o vello leproso loitando polo poder interno, ambición, poder, votacións… O pobo, os guías do pobo, os que confiamos na política… en fin. Conclusións: saír a estar co pobo e esquecerse un pouco dese vello leproso, desa trapalleira, da puta, da política.
Posted on abril 28th, 2009 in Meu idioma by cuartos
ESPERTA DO TEU SONO…
“O Fogar de Breogán está espertando do seu longo soño”
“O Fogar de Breogán está espertando pra non durmir máis”
“O Fogar de Breogán levaba tempo adormecido, co corazón xeado. Quedaba pampo ante aqueles que aproveitando a friaxe do seu corazón lle querían roubar o seu máis prezado tesouro: a lingua, cerne e base da súa identidade”
“Mais o sol da primavera derreteu a escarcha que levabamos no corazón. Nunha desas mil primaveras auguradas por Cunqueiro, na do 2009, a calor da razón e do amor ao propio (lingua, cultura, xente, terra) cumpriu a súa función: acabar coa indiferenza e dar comenzo á loita por defender o noso”
“Nesta primavera do 2009 algo está pasando na Galiza. A crise, a aparición de grupos reaccionarios en contra do galego, as intencións do PP reentrante na Xunta respecto a lingua… Todo isto e moito máis callou na xente, en min, en NÓS.”
“Callou en NÓS, e xa hai un NÓS potente na Universidade de Vigo para defender o galego (que non atacar o castelán nin os castelanfalantes).”
“Xa hai un NÓS na Uvigo, un NÓS sen nome (por agora), un NÓS que é noso, daqueles que nos preocupa a situación na que se atopa o idioma propio de Galiza. “
“Xa hai un NÓS, do que ti podes formar parte. O contexto histórico non permite pasividade. Se o corazón che pide NÓS, non o penses máis.”
“Fales o que fales,
teñas as ideoloxías, crenzas que teñas,
pertenzas ou non a calquera asociación ou grupo/partido político.
e únete a NÓS para defender o que é teu, meu, noso,
O GALEGO,
A LINGUA DE ROSALÍA, CURROS E PONDAL”
“Os tempos son chegados
dos bardos das edades,
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois donde quer, xigante,
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán”.
Hoxe engado en grandes debulladores a un mozo que un xoves pola noite dixo o seguinte, realmente exemplar, o mellor que oín dende hai tempo.
Falando tres mozos sobre o sistema, antisistema, democracia, nacionalismos, etc un xoves pola noite en Vigo:
Chaval 1.- Eu non son nacionalista, simplemente amo a miña patria.
Chaval 2.- Como que non eres nacionalista?
Chaval 3.- E cal é a túa patria?
Chaval 1.- Galicia.
Chaval 2.- Pero entón es nacionalista!?
Chaval 1.- Non.
Que se pode sacar de aquí?
1) Ogallá todos os galegos pensaran coma Chaval 1.
2) Ese GALEGO, parece que está ata o carallo deses galegos que se cren máis galegos que os outros , está ata o carallo dos “nacionalistas”, está ata o carallo dos do Bloque (”son todos iguais”).
3) Galicia: patria cultural.
4) Chaval 1 estaba falando en castelán.
5) Nacionalistas, aprendede (aprendamos) de Chaval! Un galeguismo sen complexos, amo a miña patria, Galicia, e punto, non quero caer en ideoloxismos absurdos.
Posted on abril 15th, 2009 in Hoxe, Meu idioma by cuartos
Hoxe, salientar a altísima participación na Xeiras sobre a lingua galega organizada polos Comités en Vigo. Arredor de 70 persoas acompañaron aos diversos participantes nos debates (María Yáñez, Ana Iglesias, Henrique Costas, Iolanda Veloso, Carlos Callón, Fernando Ramallo, Alexandro Prieto…)
No día de hoxe proxectouse o docuemental “Linguas Cruzadas”, e nas mesas de debate tratáronse temas como “Bilingüismo ou diglosia”, “A normalización do galego”, “A situación actual do galego”, “Lingua e novas tecnoloxías”.
Unha necesidade: buscar o “click” que faga que castelanfalantes se incorporen ao galego e que os galegofalantes non deixen de selo.
Un comentario: as novas teconoloxías, internet, non van amañar nada. Quen pode cambiar as cousas somos as persoas. Se hai un caldo de cultivo na sociedade de cambio e mobilización, internet pode potenciar iso, senón internet non fai servir de moito.
A importancia das accións e actitudes individuais, pois que son as accións e actitudes colectivas máis que a suma das idividuais?
E por último e bastante importante, hoxe falouse de organizar un grupo de universitarios con conciencia lingüística para os que galego non é un algo indiferente. Un grupo con intencións normalizadoras e reivindicativas. A ver o que se consegue consolidar nestes dous días que restas de Xeiras.